NO RECONCILIADOS (NADIE SABE LO QUE UN CUERPO PUEDE)
Marcelo Expósito, 2009
127´. Vídeo. Presentación a cargo do seu autor. Entrada gratuíta.
NO RECONCILIADOS (NADIE SABE LO QUE UN CUERPO PUEDE)
(España-Arxentina, 2009)
Dirección e guión: Marcelo Expósito. Produción: Centro Cultural Montehermoso, American Center Foundation, Centro Cultural de España en Buenos Aires (CCEBA). Duración: 127 minutos.
Filmada en Arxentina entre 2005 e 2008, é, de momento, o último traballo da serie Entre soños. Versión libre da obra teatral Máquina Hamlet do dramaturgo alemán Heiner Müller, ordenada en cinco actos, percorre momentos nos que, no contexto arxentino, ferramentas derivadas da tradición das vangardas estéticas son postas ao servizo da construción do movemento social, facendo escalas no “siluetazo” nos anos oitenta, e na participación de colectivos de arte política (Arte en la Kalle, Grupo de Arte Callejero, Colectivo Etcétera) no ámbito dos novos movementos polos dereitos humanos e na práctica dos escraches, desde mediados dos noventa. Montada por Oriol Sánchez, pola súa riqueza e complexidade discursiva, desfilan declaracións contundentes (o torturador Scilingo, o colectivo H.I.J.O.S.), textos dalgúns dos pais da disidencia moderna (Deleuze, Guattari, Lazzarato, Raunig) e da literatura de sempre (Shakespeare, Kafka), ao tempo que Expósito recupera imaxes de filmes de Celestino Coronado, Kosintsev ou Martín Rejtman e de accións directas (inesquecible unha visita multitudinaria ao domicilio do ditador Videla) e amosa concomitancias exemplares coa situación presente doutros lugares.