Sesión de traballos de Marcelo Expósito
2004-2007
99´. Vídeo. Subtítulos en castelán. Entrada gratuíta.
LA IMAGINACIÓN RADICAL (CARNAVALES DE RESISTENCIA)
(España, 2004)
Dirección, guión e produción: Marcelo Expósito. Duración: 60 minutos.
Segunda entrega da serie, na que Expósito recupera a experiencia do colectivo Reclaim the Streets, estandarte na construción das novas formas de facer política nos anos noventa mediante as súas ocupacións radicais e creativas do espazo "público" de Londres e outras cidades británicas. Céntrase na ocupación e paralización da City, o centro financeiro de Londres, acción central da Xornada de Acción Global contra o Capital que tivo lugar en xuño de 1999. A irrupción política carnavalesca característica das street-parties de Reclaim the Streets prefigura as posteriores formas da protesta anticapitalista do movemento global. O vídeo expón este problema formal: a representación dun tipo de protesta multifocal que racha cos modelos clásicos de manifestación. Faino mediante fragmentacións de pantalla e formas de narración non lineal que xuntan -nunha montaxe de bloques narrativos semiautónomos- entrevistas, músicas (Gould, Schöenberg, sons electrónicos), textos (Bajtin, Notes from Nowhere) e diversos materiais de arquivo (do cine á pintura).
FRIVOLIDAD TÁCTICA + RITMOS DE RESISTENCIA
(España, 2007)
Dirección e guión: Marcelo Expósito e Nuria Vila. Produción: Marcelo Expósito e Nuria Vila, coa axuda do Centre Culturel Suisse de París (exposición L'Europe en devir, 2007) e da exposición Have the Cake and Eat it too. Institutionskritik als Instituierende Praxis (Viena,2008). Fotografía: Maren Girgensohn, Nataly Prevost, Rhythms of Resistance e Nuria Vila. Duración: 39 minutos.
En setembro do ano 2000, varios miles de persoas reuníronse en Praga para contrarrestar un cume do Banco Mundial e o FMI: o ronsel de Seattle alcanzou Europa, logrando interromper o encontro dos líderes mundiais e marcando unha fita no ciclo dos contracumes do chamado movemento antiglobalización. As formas de protesta denominadas "frivolidade táctica" racharon o cordón policial de protección do centro internacional de congresos e facilitaron a explosión do movemento global. Orixinados coa intención de desbaratar as tácticas de confrontación clásicas do enfrontamento coa policía, incluíndo o uso irónico de representacións "femininas" do corpo en acción, a música e o baile son básicos nesta redefinición radical da protesta de rúa que dá expresividade ao desexo de cambio na protesta.