Había unha vez un corvo e un pardal
VV.AA., 1999-2007.
45'. Entrada de balde.
HABÍA UNHA VEZ UN CORVO E UN PARDAL
(Irán, 1999-2007)
Dirección e guión: Morteza Ahadi Sarkani, Mahammad-Ali Soleymanzadeh e Abdollah Alimorad. Produción: Kanoon. Duración: 45 minutos.
Tres contos que veñen de Irán e permiten asomarnos ás tradicións culturais persas, aos motivos dos seus tapices, da súa arquitectura, das súas miniaturas ou ás tradicións dos contos populares e a toda a súa simboloxía. Producidas por Kanoon (Centro para o Desenvolvemento Intelectual dos Mozos Iranianos), organismo gobernamental que se converteu para as familias e educadores de Irán nunha marca de calidade. O departamento de cine é un dos principais na institución; con éxitos que fan que o seu recoñecemento sexa tamén internacional. Podemos sinalar, entre moitos exemplos, ao grande Abbas Kiarostami. Sen diálogo e para cativos a partir de 3 anos.
As pezas proxectadas son: O pardal e a semente de algodón (Gondjeshk va panbeh daneh, 2007) de Morteza Ahadi Sarkani, en que un pequeno pardal tentado por unha semente de algodón cae na trampa dun cazador, mais é liberado por unha moza. Unha vez en liberdade, ha descubrir todas as posibilidades que ofrece a súa semente de algodón. O corvo que quería ser o máis forte (Kalaghi keh mikhast ghavitarin bashad, 1999) de Mohammad-Ali Soleymanzadeh, onde un corvo acabado de nacer quere ser o animal máis forte do mundo. Arránxase para gañar cada desafío que fai aos seus semellantes ata que un día se encontra co seu propio reflexo nun lago. Había unha vez un corvo (Rouzi Kalaghi, 2007) de Abdollah Alimorad, relato en que un corvo cobizoso vai roubando todo o que encontra ao seu paso: queixo, xabón e obxectos brillantes tales como chaves de portas, botóns, moedas e xoias. A súa obsesión por estes obxectos condúceo a unha serie de problemas, sobre todo cando rouba o diamante da coroa do Rei.