Fogos+ Picture of Light
VV.AA, 1994-2017
97'. DCP. Subt. Castelán. Presentan: M. Pérez e M. Pawley. Entrada de balde
Fogos
(España, 2017)
Dirección: Marcos Pérez e Martin Pawley. Dur: 14'.
A preocupación polas medidas de seguridade afastounos dos fogos artificiais, un espectáculo outrora inmersivo e que hoxe contemplamos na distancia. Fogos, gravada desde a perspectiva dos pirotécnicos, pon de novo ao público no centro da acción. Desta intención nace un filme que nos propón o puro pracer de mirar e escoitar, a esencia mesma das artes e ciencias do cinema.
Picture of Light
(Canadá, Suíza, 1994)
Dirección, guión e fotografía: Petter Mettler. Dur: 83'.
A obra do canadense Peter Mettler (Toronto, 1958) lidou sempre cos contactos (e conflitos) entre a ciencia e a tecnoloxía, a natureza e a capacidade humana para facer do mundo relato e mitoloxía. Despois de tres longametraxes de ficción (Scissere, The Top of His Head e Tectonic Plates) o cineasta aceptou a suxestión do artista e científico suízo Andreas Züst (1947-2000) de filmar as auroras boreais en Picture of Light. O desafío era en primeiro lugar tecnolóxico, o de captar as sutís fantasmagorías que producen as execcións de material solar ao chegaren á atmosfera terrestre, só ao alcance da película cinematográfica cando se amplían considerabelmente os tempos de exposición (de aí a necesidade de empregar a técnica do time-lapse), e facelo ademais en condicións climáticas extremas, con temperaturas de ata 40 graos baixo cero que exixían a axeitada protección das cámaras. Mais sobre todo estaba o desafío estético, o rexistro da “marabilla”, a beleza suprema dun fenómeno natural que escapa ao noso control. Vinte anos antes da invención do selfie, Peter Mettler reflexiona na película arredor do feito de vivirmos nun tempo en que só parecen existir as cousas que poden ser gardadas en imaxes.
Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío)