
Vestigios en Súper 8: Una crónica amateur de los años del cambio
- 60 min.
Esta sesión preséntase como un arquivo aberto: unha sucesión de filmacións en formato súper 8 que ofrecen unha ollada polifónica, lateral e descentrada á mudanza política vivida durante o período transicional e o seu proxecto constituínte. Adoptando unha estrutura cronolóxica, esta crónica, indefectiblemente incompleta, non só contempla estes materiais como pegadas do pasado no presente, senón que tamén explora as súas diferentes texturas e cadencias temporais (a ruptura, a urxencia, a ritualidade ou a dilación). Proponse, por tanto, unha arqueoloxía a partir duns vestixios fílmicos de loitas colectivas, rituais sociais e anacos da vida cotiá recollidos desde a pulsión amateur por capturar o intre. Neste sentido, a sesión tamén se concibe como a apertura dun arquivo latente, cheo de posibilidades, só factible grazas ao traballo de recuperación e conservación das institucións participantes.
Comisariado por Elena Oroz e Xose Prieto Souto, este programa é unha iniciativa da Filmoteca Española producida en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe, a Filmoteca de Andalucía, a Filmoteca de Castilla y León, a Filmoteca del Institut Valencià de Cultura e a Filmoteca de Navarra.
- Ano:2018
- Países de produción: España
- Montaxe: Víctor Berlón
Vestigios en Súper 8: Una crónica amateur de los años del cambio
Elena Oroz e Xose Prieto Souto
En 1976 o cineasta amador Alberto Sánchez Millán recibiu a encarga de Televisión Española de filmar un concerto de José Antonio Labordeta en Zaragoza. Por seguridade, decidiu que dúas cámaras rexistraran o evento, unha de 16 mm e outra de 8 mm. O que nun comezo ía ser unha homenaxe ao cantautor tornouse, segundo as autoridades, nun mitin político que concluiu con cargas policiais. Os organizadores foron multados con 150.000 pesetas e o gobernador civil de Zaragoza prohibió un segundo recital xa previsto. O ente público, pola súa parte, censurou o material fílmico e, coma o propio Sánchez Millán lembrará anos despois nun documental, grazas ao Single-8 consérvanse unhas imaxes históricas que “pagou a pena que se gardasen”.
Esta é unha das múltiples anécdotas que condensan as tensións do período transicional e que se adiviñan tras as filmacións de carácter amador e doméstico que se recollen na sesión “Vestixios en Super 8: unha crónica amateur dos anos do cambio”. Un proxecto de investigación que toma a forma dunha sesión cinematográfica en que se suceden cronoloxicamente excertos de filmacións realizadas neste formato subestándar durante a Transición. Vestixios fílmicos que, pola súa concepción primixenia como rexistros privados ou pola súa recepción limitada —e mesmo excepcionalmente vedada—, ficaron á marxe do imaxinario audiovisual deste período. É precisamente a propia naturaleza destes materiais e a súa complexa catalogación o que problematiza a súa ancoraxe dentro dos relatos e contrarrelatos visuais, políticos, sociais, históricos e culturais xa asentados da etapa do pasado recente que maior discusión suscitou na España dos últimos anos.
Do punto de vista historiográfico, xunto coa “mirada desde abaixo” e o enfoque micro-histórico, contempláronse estes materiais como parte dun arquivo latente e espallado ao longo de toda a xeografía do Estado. A súa apertura só foi factible grazas ao traballo de conservación das filmotecas participantes e dos particulares implicados. O acceso a estes materiales permitiu a escritura audiovisual dunha posible e tentativa crónica, indefectiblemente incompleta, do período transicional entre os anos 1976 e 1979. Un relato configurado con filmacións que se contemplan non só na súa condición de pegadas do pasado no presente, senón tamén desde o seu carácter afectivo e a súa potencialidade estética, explorando a súa materialidade, as súas diferentes texturas e cadencias temporais: a ruptura, a urxencia, a ritualidade ou a delonga. A maioría dos fragmentos que se incluíron carecen de son, tal e como se encontran no seu estado de conservación actual, de modo que esta apertura tamén supón a mostración duns documentos visuais en bruto escasamente exhibidos e que se proxectan conxuntamente por primeira vez.
O resultado é unha arqueoloxía de olladas construída desde as lateralidades dun proceso constituínte a partir de tomas rápidas de loitas colectivas, ritos sociais e anacos da vida de decote rexistradas desde a pulsión amateur de capturar o intre. Desde os cartaces electorais que cobren a paisaxe urbana da cidade, ata a familia que goza do tempo de verán baixo o parasol dunha praia, pasando polas procesións relixiosas, os festexos tradicionais, o traballo do mar e do campo, o cumprimento do servizo militar ou as numerosas demostracións de protestas veciñais, laborais ou identitarias. Se a sesión comeza cunha ollada cara ao espazo íntimo do doméstico, un neno abrindo na casa os presentes de Nadal, péchase, en cambio, con marchas públicas que enchen doutras cores e movementos a pantalla, como celebracións cargadas de futuro. Globalmente, o programa mostra manifestacións que expresan reivindicacións, algunhas hoxe esquecidas, rituais que perviven de tempos anteriores ou o encontro co violento. Proponse así un percorrido en Super 8 por unhas xeografías simbólicas descentradas da mudanza política.