The Shiinomi School
Shiinomi gakuen / しいのみ学園
Kyōko Kagawa, Yukiko Shimazaki, Kenzō Kawarasaki, Ryô Iwashita, Ichirō Ryūzaki, Shin Date, Yoshio Ōmori, Fumio Ōmachi, Chiyoko Komine, Kumiko Mizuhara
- 98 min.
Yamamoto, un profesor de psicoloxía na universidade, e a súa muller, Fumiko, teñen dous fillos, un deles, Yudo, sofre un tipo de parálise. Por este motivo, Yamamoto e a súa muller, deciden usar todo o seu diñeiro para crear unha escola onde nenos con necesidades especiais parecidas poidan conseguir o amor e o coidado suficiente para facer crecer a súa confianza en si mesmos. Baseada nunha historia real, trátase da única película que na altura tratou os problemas dos nenos con necesidades especiais. O humanismo e a empatía característica de Shimizu fai que a historia que nos conta resulte optimista e luminosa.
Foto © KOKUSAI HOEI
- Ano:1955
- Países de produción: Xapón
- Guión: Hiroshi Shimizu, Saburô Yamamoto
- Fotografía: Hiroshi Suzuki
- Montaxe: Toshio Goto
- Produtora(s): Kokusai Hoei
Salvar a infancia: o cinema de Shimizu Hiroshi
Keiko I. McDonald
En certo sentido, La escuela de Shinomi (Shiinomi Gakuin, 1955) abre novos camiños, xa que os seus protagonistas son nenos discapacitados, vítimas da epidemia mundial de polio da posguerra.
De feito, algúns críticos consideran esta película como a precursora dun tema que se tratou en televisión nos anos sesenta. Tamén pode ser certo que Shimizu foi o primeiro en tratar a discapacidade física como un tema de relevancia social na vida.
A narración en si é un relato sinxelo sobre uns pais con dous fillos impedidos pola polio. A primeira metade trata sobre a súa loita na casa, na cidade. A segunda metade lévaos a unha idílica contorna rural, onde fundan unha escola para nenos discapacitados.
Todas as tentacións do docudrama están aquí, e outro director podería quedar cunha visión sobria (aínda que desconsolada) e clínica da situación. Pero trátase de nenos e Shimizu é Shimizu, polo que o seu relato está repleto de momentos emotivos, mesmo melodramáticos.
Pode ser útil lembrar que esta película data de 1955. Iso explicaría a ausencia dos grandes problemas sociais que un director esperaría (e se esperaría del) tratar hoxe en día. Shimizu céntrase nestes nenos nesta situación: nenos cruelmente discapacitados e que teñen que adaptarse á vida que lles ofrece esta escola.
Un dos focos de intensa emoción é o neno Tetsuo, cuxos pais o abandonaron. É un neno que nunca aprendeu a sorrir.
Shimizu non escatima detalles no seu relato da difícil adaptación que debe realizar un neno así, non só ao seu corpo impedido, senón tamén ás súas emocións e expectativas impedidas.
Shimizu utiliza a profundidade de campo e os planos longos para salientar o minúsculo espazo que ocupa este neno sufrinte no vasto espazo do mundo. Nun momento dado, unha longa toma móstrao chorando en segundo plano, retorcéndose co seu corpo lamentablemente deformado. Chegan dous profesores. Non se trata só dun neno que chora e ao que hai que recoller nun abrazo tranquilizador. O corpo deste neno é en si mesmo un obstáculo incómodo e atormentado para o alimento cotián do afecto humano. Shimizu deixa claro este punto, enfocando coa mirada fixa da cámara unha loita benintencionada, pero dolorosamente torpe, por acougar a Tetsuo e volver metelo na cama.
Noutros momentos, a cámara suxire unha implicación máis emocional na difícil situación deste pobre neno. Os primeiros planos convídannos a compartir a súa sensación de desánimo e perda, mentres escribe cartas a uns pais que nunca lle responden, e moito menos o visitan.
Ao final, parece que o patetismo desta situación puido máis que a capacidade crítica de Shimizu. Tetsuo morre nunha escena que só pode compararse cos clásicos melodramas nos que o contido emocional supera ao control intelixente.
Un longo plano mostra a Tetsuo na cama rodeado dos seus compañeiros de clase e a súa profesora. Unha moza comeza a ler a carta dos seus pais, unha carta que ela mesma redactou. Unha serie de primeiros planos contrasta a expresión de alegría do mozo coa mirada bastante preocupada da súa profesora. Os primeiros planos das súas mans reforzan esta diferenza de emocións. As del están abertas, receptivas. As dela, apertadas con ansiedade. A escena termina cunha toma do xardín deserto, unha referencia obvia a días anteriores máis felices, cando Tetsuo se mostraba por fin como unha parte feliz do seu grupo, xogando cos seus compañeiros de clase.
La escuela de Shinomi termina coa nota de celebración esperanzada da camaradería que se espera de Shimizu, completada co campo que el consideraba obviamente indispensable para o crecemento e a felicidade. A cámara desprázase cara á esquerda nun xesto que transmite unha sensación de admiración consoladora pola beleza da escena. A banda sonora inclúe a canción principal da película, «The Shiinomi School», interpretada por voces infantís. Os nenos entran mentres se dirixen a botar cartas de despedida á caixa de correos. O funeral de sete días por Tetsuo terminou. A última toma desprázase sobre a caixa de correos coas montañas ondulando suavemente ao fondo.
Keiko I. McDonald, ‘Saving the Children: Films by Shimizu Hiroshi’, en Word and Image in Japanese Cinema, ed. Dennis Washburn, Carole Cavanaugh, Cambridge University Press, 2001, pp. 193-194. Tradución propia do inglés.