![Operation Jane Walk](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/operationjanewalk_bytotalrefusal004-1920x-q80.jpg?itok=AdHgoqlM)
Operation Jane Walk
- 16 min.
Operación Jane Walk baséase no shooter multixogador distópico “Tom Clancy’s: The Division”. Nesta obra, aprópiase a zona de guerra dixital do xogo mediante unha operación artística. Seguindo as regras do xogo, reutilízase a ambientación militar para realizar un circuíto pacífico pola cidade. Estes flâneurs urbanos evitan os combates cando é posible e convértense en turistas pacíficos dun mundo dixital, que é unha réplica detallada de Medio Manhattan. Mentres pasean pola cidade postapocalíptica, discuten temas como a historia da arquitectura e o urbanismo.
-
Intersección 2024
Operation Jane Walk
Featherfall
How to Disappear
Deconstructing the Bridge
Superwonder
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPRetrospectiva Total Refusal. Entrada gratuíta.
- Ano:2018
- Países de produción: Austria
Retrospectiva Total Refusal
Javier Trigales
O colectivo artístico Total Refusal defínese na súa web como un grupo de guerrilla pseudo-marxista de intervención e reapropriación artística dos videoxogos. A súa importancia é capital cando a industria do videoxogo é o gran motor do entretemento capitalista a día de hoxe. Os videoxogos necesitaban, como aparello audiovisual de transcendental importancia na nosa sociedade, dunha revisión ou relectura crítica que non existía máis aló de noticias de trazo groso que os asocian á violencia de cando en cando. A realidade (e isto é o que mostra Total Refusal co seu traballo) é que os videoxogos non fan máis que explicar o funcionamento do mundo. O que realmente ocorre no interior dos xogos mundialmente famosos como Grand Theft Auto ou Battlefield non é algo fácil de ver a primeira vista, mentres camiñamos enfrascados en misións e obxectivos varios. Cando nos paramos e miramos é cando empezamos a darnos de conta do que nos rodea, cando cae o veo desa realidade artificial e comprobamos o que hai detrás do pano de píxeles e dos uns e os ceros.
O propio nome do colectivo, “Total Refusal”, xa é toda unha declaración de intencións: néganse a seguir as regras e utilizan estes videoxogos para resignificalos e poñer o foco en aspectos en teoría marxinais, mais onde se agocha o verdadeiro corazón da besta. Os artistas apróprianse das imaxes nun exercicio de found footage posmoderno, e rescátanas do mainstream utilizando as súas propias armas: como se fosen un grupo de gamers que transmiten as súas partidas en directo, eles non buscan gañar, se non fuxir das misións, eludir a violencia: a vitoria por medio da rendición. Entre medias, teñen tempo para encomiar o traballo dos deseñadores gráficos do videoxogo e de dar auténticas clases mestras de arquitectura urbana, historia, xeopolítica e estudos sociolóxicos a través de dous personaxes que aparecen como figurantes, pero que representan o clasismo social que segue rexendo o mundo. A de Total Refusal é unha chamada á rebelión, a hackear o sistema a través do erro, da negación, de contradicir ordes. Como din eles nun dos seus traballos, can we start glitching?