
Nosotros no envejeceremos juntos
Nous ne vieillirons pas ensemble
Marlène Jobert, Jean Yanne, Christine Fabréga, Patricia Perangeli
- 107 min.
Con aspereza, sen piedade nin sentimentalismos, Pialat filma a crónica da degradación dunha parella. Un director de cine airado e violento, Jean, e Catherine, unha muller chea de neuras e comportamentos infantís, trazan arrebatos, enfados, promesas e reconciliacións nunha historia de amor que se resiste á súa disolución. Premio de interpretación para o actor Jean Yanne en Cannes 1972, nova mostra da habilidade do director para o traballo cos intérpretes.
- Ano:1972
- Países de produción: Francia, Italia
- Guión: Maurice Pialat, sobre a súa novela
- Fotografía: Luciano Tovoli
- Montaxe: Arlette Langmann, Bernard Dubois
- Produtora(s): Lido Films, Empire Films
-
Maurice Pialat. Apuntes sobre un cine incómodo y natural.
Pepe Sapena (Revista Mutaciones)
Trailer orixinal
VO
Crítica do filme
Jean-Baptiste Morain (Les Inrocks)
Unha análise precisa dun amor cruel entre un imbécil mesquiño (por infeliz) e unha moza moi aguerrida. Nosotros no envejeceremos juntos trata menos dunha historia (de separación) que dun home e unha muller, amantes desde hai seis anos, que non paran de armar balbordo e montar escenas. Pialat ensambla, amontoa, acumula e despraza a través de escenas (de amor e no fogar), variacións e repeticións sobre o tema da separación, ata a exasperación e a asfixia (que conste que a película é autobiográfica). Este é o aspecto case conceptual, «fragmentos dun discurso amoroso» da película: a montaxe encadea as escenas de forma moi nítida, sen planos de transición nin cortes (á parte dunha digresión desgarradora na que vemos a Jean visitando a seu pai, a primeira aparición de "o mozo" na obra de Pialat). Escenas de diálogo, amor e odio, desexo, rabia e tenrura, moi crúas e lamentables, entre Jean, un cineasta (Jean Yanne, que cabreou a Pialat durante toda a rodaxe, pero que gañou o premio ao mellor actor en Cannes), e Catherine, unha moza (Marlène Jobert, que tivo o mérito de aceptar, no momento en que estaba na cima da súa fama, un papel nada glamuroso), entre os que xa nada vai ben. As súas bágoas, os seus sorrisos, as súas vacilacións, a súa falta de carácter, a súa covardía, os seus celos, a súa crueldade, a súa cegueira, a súa violencia, a súa autocompaixón, o seu narcisismo: un xogo do gato e o rato no que non sabemos realmente quen persegue a quen. A incomodidade que sente o espectador, que a miúdo se converte en riso nervioso, só ten unha orixe: todo é manifestamente verdadeiro.
Tradución propia do francés.