No esperes demasiado del fin del mundo
Nu astepta prea mult de la sfârsitul lumii
Ilinca Manolache, Ovidiu Pîrsan, Nina Hoss, Uwe Boll, Dorina Lazar
- 163 min.
Angela é unha axudante de produción que traballa para unha empresa romanesa e que conduce por Bucarest e o resto do país para cumprir unha misión dunha multinacional: buscar testemuños para un anuncio de seguridade laboral.
- Ano:2023
- Países de produción: Croacia, Francia, Luxemburgo, Romanía
- Guión: Radu Jude
- Fotografía: Marius Panduru
- Montaxe: Catalin Cristutiu
- Produtora(s): 4 Proof Film, microFILM, Les Films d'Ici, Paul Thiltges Distributions, Kinorama, Flaneur Films, Bord Cadre Films, Sovereign Films
-
Crítica do filme
Roger Koza (Diario La Voz del Interior)
-
“Es desagradable interesarse por la posteridad”. Una entrevista con Radu Jude
Zsofia Paulikovics (Jacobín Revista)
Tráiler do filme
Avance cinematográfico VOSE
Radu Jude, enfant terrible do cinema romanés actual e un dos cineastas máis políticos de todo o panorama internacional, entrega un filme tan entretido como a contracorrente no que a explotación laboral, a violencia contra a muller e o imperialismo económico entre europeos son os principais temas que desenvolve. Mostrando unha fita de 1982, Angela merge mai departe (Lucian Bratu), na que unha taxista de Bucarest percorría a cidade levando diversos clientes, o que permitía expor un calidoscopio social da Romanía desa altura, Jude planta tamén a súa actriz principal, Ilinca Manolache, nun coche, para executar similar exercicio. A fita contrapón en montaxe ambas as ficcións para demostrar como o réxime de Nicolae Ceaușescu non é tan diferente a unha Europa ultracapitalista que permite xornadas extenuantes de 15 horas, que o verdadeiro poder resida en multinacionais de Europa Occidental, cunha clase política que pon o cazo de xeito compracente, ou que as mulleres sigan a ser vítimas da violencia verbal e física dos homes na súa vida diaria.
Dicimos ficción, pero o certo é que No esperes demasiado del fin del mundo ten moito de documental. Parte de experiencias reais que o propio Jude experimentou nos seus primeiros anos de oficio e dunha investigación que iniciou sobre explotación laboral –non só no sector do cinema– ao se decidir a facer este filme. As historias de accidentes no traballo que a protagonista, Angela, recolle, están interpretadas por unha mestura de actores profesionais e non profesionais, pero son sempre relatos verdadeiros. Di o realizador que este é o seu filme máis amateur. Filmouno case na súa totalidade cunha pequena cámara, seguindo a Manolache no seu coche desprazándose por Bucarest. As reaccións machistas de homes que a atacan verbalmente dende o seu volante, por exemplo, non están postas en escena.
O filme pecha cun episodio radical nos seus últimos 35 minutos. Angela recolle testemuños sobre estes accidentes a xeito de probas de cámara para o casting dun documental sobre seguridade laboral. Esta secuencia de peche está filmada cun plano único dunha entrevista a unha destas persoas afectadas. Nela poden apreciarse as decisións de posta en escena e terxiversación do relato oral que acabarán por facer deste produto audiovisual unha ferramenta máis de explotación.
A todos estes niveis narrativos, a comparación de fitas dos anos 1982-2023 –é este un remake?–, a gravación cámara en man da ficción, a reconstrución dunha peza documental que se insire na narración do filme; engádese un derradeiro punto de fuga. Angela ten un alter ego nas redes sociais, Bobita, no que fala cun filtro que a converte nun home descarado. Tras esta máscara, permítese criticar a súa situación actual e a do mundo que a rodea cunha linguaxe tan vulgar como subversiva, sen ningún pelo na lingua. Jude ten dito en diversas entrevistas que en Tik Tok poden atoparse máis momentos de verdadeiro cinema que nas grandes producións e que ve aquí un espazo de expresión máis libre ca no do suposto cinema de calidade. O Cine-Ollo de Dziga Vértov en estado puro.