
Loulou
Isabelle Huppert, Gerard Depardieu, Guy Marchand, Humbert Balsan
- 105 min.
Nelly, a muller burguesa dun publicista, mantén unha historia pasional con Loulou, un pequeno delincuente cuxa vulgaridade e potencia sexual a seducen. Sen romper as relacións co seu home, planea vivir con Loulou, que lle promete traballar polo neno que esperan. Durante unha comida familiar onde se atopa todo o clan de Loulou, Nelly parece tomar conciencia do mundo no que vai entrar. Pialat, aquel home sen concesións demoledor das presuntas virtudes de cineastas máis gabados (de Scorsese a Spielberg) nun dos seus filmes máis duros e coñecidos.
- Ano:1980
- Países de produción: Francia
- Guión: Arlette Langmann, Maurice Pialat
- Fotografía: Pierre-William Glenn, Jacques Loiseleux
- Montaxe: Yann Dedet
- Produtora(s): Gaumont, Action Films
-
Pialat, el rompe pelotas
Antoine de Baecque, en ‘Maurice Pialat, el niño salvaje’ (Museo Nazionale del Cinema Torino, 1993)
-
Festival del film Locarno : Depardieu-Pialat
Olivier Père (orixinal en francés)
Entrevista con Isabelle Huppert sobre ‘Loulou’
En francés, con subtítulos en inglés
A vella escola de cineastas: Maurice Pialat
Rémi Fournier Lanzoni
Unha das producións francesas con maior carga social e política de principios da década foi sen dúbida Loulou (1980), de Pialat. Esta película era aínda máis paradoxal para un cineasta que sempre rexeitou o título de cineasta político. Aínda que en teoría trataba unha historia de amor, Loulou de Pialat aproveitaba cada escena para lembrar ao espectador a importancia da conciencia de clase na sociedade francesa moderna. (...) A miúdo descrita como unha «revolución erótica» na prensa estadounidense, a historia de amor de Pialat está lonxe de representar un cambio radical con respecto á sexualidade dos anos setenta. Atrapada entre dúas décadas, a película serve en realidade como transición bastante suave entre a liberdade sexual da era posterior a 1968 e o retorno á narración dos anos oitenta.
Con todo, a verdadeira innovación de Pialat nos albores da década de 1980 foi o valor que concedeu á importancia, aínda a miúdo subestimada, do sexo nas interaccións sociais e os comportamentos humanos. Curiosamente, Loulou aborda a noción de abuso social e a ambigua afinidade dunha parella cuxo vínculo corresponde ao comportamento dialéctico da explotación recíproca. A delgada liña que separa ao explotador e ao explotado lembra ao espectador que as barreiras sociais, aínda que se deixen a un lado temporalmente, ao final poden perseguir a calquera parella. Lonxe dunha formulación puramente política ou socialmente retórica, a trama entrégase ao testemuño de dous individuos namorados e á súa caída nun mundo hostil, que acaba desembocando na violencia, o aburrimento, o engano, o alcoholismo e, finalmente, o amor. O guión de Arlette Langmann, que ofrece estes dous idiomas diferenciados, dá unha forza vital á película. A obra de Pialat pode considerarse un fragmento de vida, sen un verdadeiro principio nin final; pero sen dúbida é un testemuño convincente do predicamento «conflitivo» da loita de clases nos anos oitenta. Incluída na selección oficial francesa en Cannes en 1980, a película adquiriu fama internacional, aínda que foi excluída do palmarés final (cun destino similar na cerimonia dos Premios César, como consecuencia do fenomenal éxito de El último metro, de Truffaut).
De ‘The Old School of Filmmakers: François Truffaut, Bertrand Tavernier, Bertrand Blier, and Maurice Pialat’, por Rémi Fournier Lanzoni, en ‘French Cinema: From Its Beginnings to the Present’ (Continuum, 2002), pp. 313-326.
Tradución propia do inglés.