
La viajera
Yeohaengjaui pilyo / 여행자의 필요
Isabelle Huppert, Lee Hyeyoung, Kwon Haehyo, Cho Yunhee, Ha Seongguk, Kim Seungyun, Kang Soyi, Ha Jinwha
- 90 min.
Iris (Isabelle Huppert), unha viaxeira misteriosa, vagabundea polas aforas de Seúl. Alí convence a unha serie de persoas para ensinarlles francés cun método tan pouco ortodoxo como sedutor, a pesar da súa falta de experiencia. Entre paseos polo parque e botellas de viño de arroz makgeolli, Iris parece de súpeto unha máis da familia. Con chapeu de palla, vestido de flores e chaqueta verde, a súa personalidade desinhibida crea ao seu redor un clima de confianza, diversión e aprendizaxe que provoca momentos hilarantes froito da súa desenvoltura e algún malentendido.
Isabelle Huppert, protagonista
Hong Sangsoo ten un método único de traballar, mais sentinme totalmente libre, e non diría máis creativa, mais si chea de imaxinación, ao traballar con el. A súa maneira de rodar é moi especial, porque ás veces che dá as frases o día antes, pero a maioría das veces faino a mesma mañá da rodaxe. Encántame iso, encántame o feito de non ter nin idea de que fará. Cando o dis así pode soar como algo imposible de dominar ou controlar, mais é o contrario. Porque che deixa as portas abertas e parece un milagre. É rico, inspirador. Nunca me cuestionei que farei, a quen interpreto, mais simplemente a situación de estar rodeada, a maioría das veces, de xente á que non entendo cando fala, faiche sentir de maneira inmediata a riqueza da situación. A xente intenta estar unida, aínda que veña de diferentes sitios e mundos, e intenta facer algo xunta. E iso é o que sinto ao facer películas en Corea. Non en coreano, quizais algún día, aínda non. Pero as diferenzas de linguaxe resúltanme interesantes e fascinantes. Na película uso o inglés -que é o idioma común-, pero aínda así, intentas conseguir que exista algo máis alá da linguaxe.
Así chegas a máis espazos mentais e decátaste de que, en efecto, tes algo que compartir, temos cousas en común. Iso é o que pasa cando fago cinema con Hong Sangsoo. É unha experiencia moi especial. É curioso porque nas tres películas que fixemos xuntos interpretei distintos personaxes, pero teñen algo en común, unha especie de sorpresa de atopar a esas persoas, de facer as cousas que fago. E tamén hai moito sentido do humor, porque a maioría das situacións son moi divertidas. Sempre é como un milagre e é xenial.