
La marsellesa de los borrachos
Emilio Jona, Nacho Vegas, María Arnal, Amorante, Labregos do tempo dos Sputniks
- 93 min.
No verán de 1961, un grupo de mozos antropólogos italianos realizou unha viaxe clandestina por España, co fin de gravar cancións populares que apoiaron a resistencia antifranquista. Como resultado do seu traballo, foron procesados e as súas gravacións censuradas. Sesenta anos despois e da man de Emilio Jona, de 92 anos, último membro vivo daquel grupo de viaxeiros, recuperan as gravacións inéditas e reconstrúen a viaxe, hoxe, a través dunha paisaxe emocional e política, recuperando recordos históricos a través destas cancións, tan relevantes hoxe como o foron entón.
-
Fóra de serie
La marsellesa de los borrachos
Versión lingüística:VOSEFormato:DCPPresentación coloquio con Márcos Flórez, montador.
-
- Ano:2024
- Países de produción: España, Francia, Italia
- Guión: Alba Lombardia, Pablo Gil Rituerto
- Fotografía: Daniel Lacasa
- Montaxe: Marcos Flórez, Pablo Gil Rituerto
- Produtora(s): Boogaloo Films, Graffiti DOC, Les Films de l'oeil sauvage, Escarlata Estudios
-
Entrevista con Pablo Gil Rituerto
Jorge Bertrán (Indienauta)
Trailer
VOSE
La marsellesa de los borrachos
Felipe Gómez Pinto (Caimán. Cuadernos de cine)
No seu ensaio seminal La responsabilidad de los intelectuales, Noah Chosmky afirma: “O privilexio dá oportunidades e as oportunidades confiren responsabilidades”. A toma de partido e o compromiso político non é un debate recente dentro da esfera da arte, pero, exactamente onde se localizan este tipo de responsabilidades? E, sobre todo, para que ou para quen? Este tipo de cuestións quedan patentes na ópera prima de Pablo Gil Rituerto. Unha viaxe en paralelo que enfronta pasado e presente a partir do percorrido que emprenderon en 1961 o colectivo Cantacronache, un grupo italiano de músicos, poetas e escritores antifascistas. Ó igual que ese grupo de mozos de vinte e tantos de esquerdas, a motivación do cineasta reside na recuperación e o rexistro do folclore popular antifranquista, pero debuxando novas paisaxes sonoras coa actualidade social e, a partir da reinterpretación do arquivo (en colaboración con Maria Arnal e Marcel Bagès, Faia Díaz ou Nacho Vegas, entre outros), encontrar novas dimensións políticas.
O proxecto, nacido dos aires revolucionarios do 15M, é a consolidación dunha loita contra o esquecemento; unha viaxe entre dous tempos que interactúan por medio dos relatos orais. O cineasta, montador habitual de José Luis Guerin ou Isaki Lacuesta, toma como base o libro Cantos de la nueva resistencia española para retomar o camiño iniciado por Margot Galante, Lionello Gennero e Emilio Jona, responsable do centro musical etnográfico de Turín que albergaba os máis de 9000 pés de cinta magnetofónica e a voz encargada de narrar as entradas do diario de viaxe clandestina. Esta loita de memorias encontrará ecos na realidade histórica dunha España afogada polo réxime franquista; iniciando un diálogo entre as imaxes da loita mineira, a expansión migratoria, os campos de concentración franquistas, a infinita reescritura popular de carácter antifascista, a censura ou o lugar do artista, coas protestas polos xuízos do procés, a inhumana política de fronteiras da Unión Europea e o avance do neofascismo por Europa. A sensibilidade coa que a montaxe reflicte as ruínas do mapa desmesurado da memoria fará avanzar a narración cronolóxica e tematicamente, facendo da película un conmovedor acto de resistencia ante un mundo futuro que, mentres se aproxima, vólvese dolorosamente inconmensurable e imponderable.