La hierba errante
Ukigusa / 浮草
Ganjirô Nakamura, Machiko Kyô, Ayako Wakao, Hiroshi Kawaguchi
- 119 min.
Unha compañía de teatro itinerante chega a unha cidade costeira do sur de Xapón. O seu propietario e actor principal, Komajuro, visita a súa antiga amante, Oyoshi, que rexenta un pequeno restaurante na poboación, e o seu fillo ilexítimo, Kiyoshi, que traballa na oficina de correos coa idea de aforrar para os seus estudos universitarios. Kiyoshi cre que Komajuro é o seu tío. Á actual moza de Komajuro, a actriz principal da compañía, non lle fai ningunha graza o seu encontro con Oyoshi.
- Ano:1959
- Países de produción: Xapón
- Guión: Kôgo Noda, Yasujirô Ozu
- Fotografía: Kazuo Miyagawa
- Montaxe: Toyo Suzuki
- Produtora(s): Daiei
La hierba errante
Yasujirô Ozu
A Daiei convidárame a rodar unha película xa nos tempos nos que estaba Mizoguchi. Despois pedíronmo repetidamente: as peticións chegaban mesmo de Nagata, o presidente da Daiei. Mais eu tiña un contrato coa Shochiku para facer un filme ao ano. Normalmente, ese filme ocupábame todo o ano. Precisamente aquel ano, porén, terminara Buenos días antes do previsto, e quedábame o tempo xusto para facer unha película para a Daiei. Así que aceptei: así podía cumprir aquela antiga promesa miña.
Na época do cinema mudo eu xa rodara unha fita con esta mesma historia. Mais quería facer outra, coa Shochiku, ambientada nas neves de Hokuriku e cun guión titulado Daikon yakusha [Actores de mala morte]. Aquel ano, porén, non había neve abondo, e nin sequera indo ata Takata ou ata Sado quedaban ben as tomas. Así que suspendín por un tempo o proxecto e reescribín o guión de arriba a abaixo, cambiando a estación e a ambientación. E rodeina coa Daiei.
O tema era o que chamamos mono no aware: unha historia doutros tempos, a época era a actual mais cun sabor un pouco anticuado da era Meiji. Haberá quen diga que daquela tería sido mellor contar directamente unha historia do período Meiji, mais tampouco facía falta. Se se fai unha película ambientada noutra época, a investigación histórica necesaria para documentarse pode resultar bastante laboriosa. Digamos que ao final o que fixen foi revivir unha historia doutro tempo para adaptala ao noso. O operador Kazuo Miyagawa axudoume moitísimo, e tamén eu acabei por entender como se traballa coa cor. A cuestión é que segundo o tipo de cor hai que utilizar unha intensidade distinta na iluminación. As cores que percibimos co ollo, na realidade, son distintas das que vemos nunha película. Por iso cando se quere crear un contraste entre dúas cores, se se utiliza unha luz coa mesma intensidade, unha delas queda máis apagada. Hai que deixar a outra na sombra, dalgunha maneira, para suavizar o ton. Foi cando aprendín este tipo de cousas.
Ademais, o cinemascope estase estendendo cada vez máis. Non teño ninguhna intención de facer películas para pantallas de grandes dimensións, mais empecei, intencionadamente, a cambiar un pouco a técnica de filmación. Digo que a estou a modificar, non que a vaia cambiar drasticamente. Fago cambios paulatinos, sen que a xente os perciba. Por exemplo, os primeiros planos aumentaron e as tomas son máis breves. Creo que de entre os filmes xaponeses, os últimos que eu rodei son os que teñen o maior número de tomas.
Yasujirô Ozu
en La poética de lo cotidiano. Escritos sobre cine, ed. Gallo Nero, 2017.