
La boca abierta
La gueule ouverte
Hubert Deschamps, Nathalie Baye, Philippe Léotard
- 85 min.
A agonia dunha muller de cincuenta anos, Monique, gravemente enferma de cancro e a influencia deste feito na vida da súa contorna inmediata, o marido e os fillos. Como comenta o escritor cinematográfico Gonzalo de Lucas a obsesión de Pialat por respectar a realidade das cousas remíteo a unha pureza insólita, que enlaza coa orixe do cine mesmo, as vistas Lumière como captura en bruto do real. Intensa e chea de violencia soterrada, tenra e abrupta, estamos ante unha película chea de conversas íntimas, reveladoras, de frustracións, traumas e desarranxos. Como sinalou parte da crítica máis aguda, unha maxistral lectura escura de Ordet de Dreyer onde o núcleo compositivo visual remite ao cadro pictórico.
- Ano:1974
- Países de produción: Francia
- Guión: Maurice Pialat
- Fotografía: Néstor Almendros
- Montaxe: Bernard Dubois, Arlette Langmann
- Produtora(s): Lido Films, Films de la Boétie
-
Maurice Pialat: la esencia de la realidad
Jorge García (Con los ojos abiertos)
-
The Relentless Vision of Maurice Pialat
Adam Bingham (Cineaste) –en inglés–
Trailer da restauración
Versión orixinal con subtítulos en inglés
Crítica do filme
Adrian Martin (do seu blogue)
Maurice Pialat pasou a vida (1925-2003) a facer filmes intensos, emocionalmente crus, imprevisibles, caprichosos, unha sorte de curmán francés de John Cassavetes.
La gueule ouverte é a única película de Pialat cuxo argumento é sinxelo e doado de contar. Unha muller (Monique, interpretada por Monique Mélinand) acode a unha revisión médica rutineira, pero o problema que se descobre provoca a súa rápida deterioración. Mentres tanto, todos os membros da familia que a rodean se derruban, levándoo mal.
O título da película acouta aínda máis a idea: Monique pasa de ser unha persoa que camiña e fala a unha «boca aberta» case comatosa ou catatónica (...) capaz de abrirse só para recibir comida. Esta é a película en poucas palabras: a devastación da forma humana, do carácter humano, do ser humano, concentrada no seu trazo máis típico e iconicamente humano: o rostro.
Como todas as películas de Pialat, La gueule ouverte é unha historia de devastación humana observada de preto e moi incómoda. As películas de Pialat céntranse case exclusivamente no feito, o proceso, o acontecemento da devastación, lenta, gradual e irremediable: a devastación dunha relación, un matrimonio, unha familia, unha comunidade, un modo de vida.
Pialat presenta todo isto en nome dun sombrío realismo moi seu, un profundo sentido de que así son as cousas. Cada áncora, cada sistema de apoio desaparece, un a un. Ao final, os personaxes quedan sós, desposuídos, inconsolables, intocables. Pero, que resistencia apaixonada, furiosa, violenta e malhumorada a de Pialat a este feito da vida!
Cada personaxe de La gueule ouverte, ao seu xeito, négase a «seguir a corrente» da devastación irrevogable. Retíranse, quéixanse, beben ou buscan consolo sexual nos brazos doutros. Con todo, o cinema de Pialat non escapa á devastación.
A forma en que constrúe as súas películas transmite un duro drama do tempo, un tipo de tempo decididamente singular e brutalmente lineal: moitas elipses, mais ningún flashback. En liña recta, como unha frecha rota, cara ao seu obxectivo. E o branco é sempre algo como a soidade, a morte ou o baleiro.
Polo camiño, observamos a notable e singular habilidade de Pialat para dirixir actores, para compoñer encadres (aquí iluminados e rodados polo gran Néstor Almendros [1930-1992]), para captar todo o que é incómodo e difícil nas interaccións cotiás ao redor dunha mesa de comedor, nun bar ou na cama.
Pialat evita todas as convencións fáciles e todos os clichés dramáticos: busca unha autenticidade que non se parece en nada, finalmente, ao cinéma-vérité, senón que esculpe unha forma cinematográfica nova e persoal. A maneira en que Pialat presenta unha casa, unha man, un momento de violencia ou de tenrura, é indeleblemente súa, e só súa.
Tradución propia do inglés.