Farewell to Spring
Sekishunchō / 惜春鳥
Masahiko Tsugawa, Ineko Arima, Keiji Sada, Kazuya Kosaka, Akira Ishihama, Toyozō Yamamoto, Yūsuke Kawazu, Junzaburō Ban, Teruko Kishi, Yukiyo Toake
- 102 min.
Cinco mozos reúnense de novo na súa cidade natal despois de que a vida e os anos os separaran. Con todo, a relación que mantiñan cando eran nenos xa non é a mesma, e terán que enfrontarse a distintos obstáculos, enredos familiares e problemas económicos que porán a proba a súa amizade.
Retrato da perda da inocencia e do final da mocidade dun grupo de amigos aos que relaciona coa historia dos Byakkotai, un grupo de samurais adolescentes que erroneamente se viron obrigados a cometer suicidio ritual ao final do período Edo, a través da localización da película en Aizu-Wakamatsu e da canción que narra a súa traxedia.
Foto ©1959 Shochiku Co., Ltd.
- Ano:1959
- Países de produción: Xapón
- Guión: Keisuke Kinoshita
- Fotografía: Hiroshi Kusuda
- Montaxe: Yoshi Sugihara
- Produtora(s): Shochiku
A quietude é movemento: dous filmes de Keisuke Kinoshita
Richard Peña
Farewell to Spring trata sobre o inevitable afastamento entre as persoas e a incapacidade dos amigos para protexer o seu vínculo fronte ás circunstancias e o paso do tempo, pero tamén versa sobre o que supón ter unha amizade entre mans, sentindo á vez asombro e medo por ter o control sobre algo tan delicado e etéreo. A maioría dos mellores melodramas —e Farewell to Spring é, sen ningunha dúbida, un melodrama— están envoltos nun aire de inevitabilidade condenatoria: se dous amantes se citan en segredo, sorprenderíanos que non aparecese un dos seus cónxuxes. Aquí, con todo, non hai ningunha traxedia que dea a sensación de que non se puidese evitar, ningunha perda imposta desde arriba. Só hai persoas, capaces de tomar decisións boas e moi malas —e de dar razóns de peso para ambas as dúas—. Este é un deses raros melodramas que gañaría o selo de aprobación de Renoir.
Ao igual que o mellor de Renoir, é buliciosa, frenética e, ás veces, prosaica: Kinoshita está tan obsesionado co proceso de toma de decisións como co seu resultado. Os cinco amigos, e a multitude de familiares, gueixas, noivas e socios comerciais que gravitan ao seu redor, están sempre negociando: negociando o espazo físico entre eles, pero tamén asuntos de negocios, xustiza e amor. Dalgún xeito, Kinoshita capta todo o frenesí desta toma súbita de decisións con moi poucos movementos de cámara; os poucos que hai son serenos, elegantes, comedidos… pero claramente non resultan doados. Cada paso parece darse de forma lenta e cautelosa, fronte a unha gran resistencia. No mundo de Farewell to Spring, a orde require esforzo.
Isto é, ao cabo, o que quizais mellor distinga a Farewell to Spring de You Were like a Wild Chrysanthemum. Nesta última película, máis antiga, o estancamento asociábase con limitacións sociais, psicolóxicas e mesmo cósmicas: as normas do costume, os límites da memoria e as leis do destino. Queriamos o lume purificador do amor xuvenil e, no seu lugar, obtivemos unha suave brisa. Queriamos un mundo que se estendese moito máis alá do noso campo de visión, e só obtivemos un estreito círculo. Ante todo, o universo de Farewell to Spring esténdese moito máis alá da nosa vista. Que posibilidades temos de pescudar cal é a relación entre estes amigos cando nin eles mesmos o saben —e sobre todo cando tamén temos que ter en conta a toda unha serie de espectadores, cada un cun tempo concedido en pantalla suficiente como para suxerir que eles tamén posúen vidas interiores plenas e ricas que, doutro xeito, nos resultarían inaccesibles—. En tal compañía, os escasos momentos de quietude da película —un canto en grupo ao principio, un baile á luz da lúa, unha breve e asombrosa secuencia de planos cara ao final na que unha muller solitaria permanece en silencio xunto a un lago— parecen gañados con suor e plenamente merecidos. A inacción pode ser unha maldición cando se impón desde as alturas, pero sen dúbida parece unha bendición cando se extrae do enredado mundo de abaixo.
Extracto dun texto de acompañamento ao programa ‘The Films of Keisuke Kinoshita’, centrado en You Were Like a Wild Chrysanthemum e Farewell to Spring (1959). Programado por Richard Peña en Film at Lincoln Center (Nueva York) en outubro-novembro de 2012. Tradución propia do inglés.