El emigrante
Al-Mohager / المهاجر
Yusra, Mahmud Hamida, Jaled al-Nabawi, Safia al-Imari, Michel Piccoli
- 128 min.
Fai tres mil anos, Ram, membro dunha paupérrima aldea que vive nunha mísera zona deserta, soña con cambiar a súa vida emigrando ó Exipto dos Faraóns, centro da civilización da época.
- Ano:1994
- Países de produción: Exipto, Francia
- Guión: Rafiq As-Sabban, Youssef Chahine
- Fotografía: Ramses Marzouk
En Nosferatu n° 19, Cine e Islam
Àngel Quintana
Se hai uns anos o integrismo católico ameazou Je vous salue, Marie (1984), de Godard, e The last temptation of Christ (1988), de Scorsese, o integrismo islámico persegui Al-mohager, de Yussef Chahine, convertíndoa nunha obra famosa por razóns extra-cinematográficas. A raíz da denuncia dun xuíz, o tribunal relixioso islámico perseguiu o film ata lograr a súa prohibición, argumentando motivos iconoclastas na representación da figura profética de José, transformada no film nun personaxe imaxinario de Ram. A persecución de que foi obxecto Al-mohager demostra que a censura relixiosa convertiuse para o cine nunha ameaza case máis perigosa que a censura política.
O auténtico poder subversivo de Al-mohager non reside na representación iconoclasta dunha figura procedente da tradición bíblica nun país onde o libro santo é O Corán, senón na lectura metafórica que realiza dun mito bíblico como proxección da realidade actual do mundo árabe. Ó longo da súa obra, Yussef Chahine falou moitas veces do problema da autoconsciencia e do recoñecemento dun mesmo. O tema fora abordado xeneralmente no terreo individual -Iskandariya lih? (Alexandría, ¿por qué?, 1978)- pero en outras ocasións deu lugar a unha reflexión colectiva sobre o destino do seu propio país. En Al-mohager parte duns feitos míticos para establecer unha reinterpretación que pode funcionar como reflexión autobiográfica, pero que sobre todo funciona como reflexión colectiva sobre o destino do pobo exipcio.