Carta Branca Sixpackfilm
- 73 minutos
KUNST & REVOLUTION (ARTE E REVOLUCIÓN)
Ernst Schmidt Jr., 1868, Austria, 16mm, 2 min.
Accións realizadas por: Günter Brus, Otto Muehl, Peter Weibel, Franz Kaltenböck, Otmar Bauer, Herbert Stumpfl, Anastas, Oswald Wiener e un masoquista anónimo. Filme documental experimental sobre o famoso happening da Universidade de Viena que inclúe pequenos fragmentos do evento, que levou a unha campaña de desprestixio contra o accionismo vienés dende os medios de comunicación que se estendeu durante meses, así coma a un proceso xudicial no que Otto Muehl e Günter Brus foron condenados a prisión, e como consecuencia do cal Oswald Wiener tivo que exiliarse.
OTMAR BAUER ZEIGT (OTMAR BAUER PRESENTA)
Otmar Bauer, 1969, Austria, 16mm/arquivo, 7 min.
Unha das performances máis radicais do accionismo vienés. Bauer bebe, vomita, come, mexa, enzóufase nos seus fluídos –é implacable consigo mesmo e mais co público. (Dietmar Schwärzler)
DIE GEBURT DER VENUS (O NACEMENTO DE VENUS)
Moucle Blackout, 1970-1972, Austria, 35mm, 5 min.
Os materiais empregados neste filme constan de arredor de 30 fotos de amigos e mais dun porco morto que atoparamos pola estrada. Montei as fotos de xeito simétrico, para crear un efecto espello. Invertín as fotos horizontalmente, e funas desprazando dun lado a outro pero mantendo sempre a simetría con respecto ao eixo central. Na escena introdutoria vese o Nacemento de Venus de Botticelli, en fundido cruzado a ambos os dous lados, seguindo o título, e a propia Venus montada simetricamente coas imaxes do porco. Ao final da película aparece un detalle da foto de B. no envoltorio dun ambientador de baño (snif!). A letra das tres cancións dos Beatles que soan de fondo contribúe a resaltar o contido das imaxes. (Moucle Blackout)
STEIFHEIT 1-3 / 7 (RIXIDEZ 1-3 / 7)
Albert Sackl, 2018, Austria, 35mm, 9 min.
Cada dez anos, o cineasta Albert Sackl senta espido nun espazo negro en fronte da súa cámara, que deixa funcionando en time-lapse –tomando imaxe tras imaxe durante catro horas aproximadamente que son despois condensadas en filmes de apenas tres minutos– ata encher os 4000 fotogramas dun carrete estándar de película de 16mm. Explicado sinxelamente (aínda que o reto non sexa en absoluto sinxelo), a idea é manter unha erección durante horas mediante a aplicación de fricción, o cal (sorpresa!) non é sempre posible. O título desta serie de, de momento, tres partes, Rixidez 1-3 / 7, agocha unha perspectiva moi optimista: pon de manifesto a determinación de Sackl de alongar o seu experimento durante seis décadas para completar as sete partes (ou dito doutro xeito: tanto fretar… vai rematar?). De acordo co plan, Sackl pensa gravar a última parte do proxecto en 2057, tendo acadado 80 anos xustos e arredor de 21 minutos de película. De momento, o experimento continúa. (Stefan Grissemann)
NABELFABEL (FÁBULA UMBILICAL)
Mara Mattuschka, 1985, Austria, 16mm, 4 min.
En Nabelfabel, Mara Mattuschka sométese a un segundo nacemento a través de interminables pares de medias. No seu esforzo por liberarse das capas e capas de nailon, o seu corpo libra unha batalla tan encarnizada e desfiguradora que pon de manifesto a pura loita pola vida. (Peter Tscherkassky)
NEURODERMITIS (NEURODERMATITE)
Kerstin Cmelka, 1998, Austria, 16mm, 3 min.
Un plano fixo, unha bobina de Super 8. Unha Cmelka espida aplica crema sobre o seu corpo cuberto de sarabullos nun filme que mestura a Russ Meyer e David Cronenberg . (Olaf Müller)
COUPLES (PARELLAS)
Maria Lassnig, 1972, Austria, 16mm, 10 min.
Ton lírico, voces reais, corpos bosquexados: unha parella fala por teléfono e na cama (un casanova e maila súa vítima). “Axudáchesme, fixéchesme máis forte, pero non me podes botar a culpa. Quen ama tan cegamente paga coa propia vida”. (Maria Lassnig)
SUPER-8 GIRL GAMES
Ursula Pürrer, Ashley Hans Scheirl, 1985, Austria, 16mm/arquivo, 2 min.
1. a frecha
2. a auréola
3. a fonte axilar
4. a ollada
5. a onda media
6. o agasallo
Película raiada. (Pürrer/Scheirl)
PRINCE OF PEACE (PRÍNCIPE DA PAZ)
Hans Scheugl, 1993, Austria, 16mm, 6 min.
Converter a realidade en realidade. Mais non me preguntes que se convirte en que. Nin preguntas nin palabras. Achegarse. Marabilloso de ver. Ver marabillados. Bailar. Pode o baile ser triste? De acordo, nada de preguntas. Un amigo morto. (Hans Scheugl)
S.O.S. EXTRATERRESTRIA
Mara Mattuschka, 1993, Austria, 16mm, 10 min.
Unha visita do espazo exterior. A xiganta miope Extra Terrestria embarca nunca aventura devastadora por todo o mundo.
SUMMER OF 1995 (VERÁN DE 1995)
Jason Elvis Parker, Ashley Hans Scheirl, 1995, Austria, 16mm, 13 min.
Un verán atarefado: a febre do drag king en Londres! Os “dustydaddy dandydyke d@d@s” reúnense na Dandy Dust Factory. Hans e Svar viaxan en coche a Escocia. Hans viaxa a continuación a California e pousa para Cathy. Crean un novo personaxe: “o vello verde”, que leva un bigote gris da tenda de atrezzo. Ao seu regreso Hans descobre que Jason ten varicela, pero iso non impide que Jason e Svar participen nas T parties. A segunda parte, Nirvana, amosa os eventos dende o punto de vista de Jason. (Ashley Hans Scheirl)
ES HAT MICH SEHR GEFREUT (FOI UN PRACER)
Mara Mattuschka, 1987, 2 min
Mediante recursos visuais e sonoros perfectamente medidos, Mattuschka emprega o celuloide para ofrecer unha visión a distancia da súa arte performativa. Este exercicio resulta especialmente impresionante na miniatura de dous minutos Foi un pracer. Unha Mimi Minus espida entrégase á actividade autoerótica mentres a cámara se vai afastando en movementos repentinos, ata que a súa figura, branca e minúscula, desaparece nunha paisaxe montañosa cun contraste cegador. (Christa Blümlinger)
-
(S8) Mostra de Cinema Periférico
Carta Branca Sixpackfilm
Versión lingüística:VOFormato:16mm.Presentación. Entradas: https://s8cinema.com
- Ano:1968-2018
- Países de produción: Austria