Antes de nós
Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo, Xoel Fernández
- 84 min.
Unha parella, dous momentos. Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entretecidas.
1918, Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia.
1929, o matrimonio percorre Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os vai unir para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia antes da “xeración Nós”. Castelao e Virxinia antes de seren “nós”.
-
Olladas de muller 2026
Antes de nós
Versión lingüística:VOFormato:DCPPresenta: A. Huerta. Entrada de balde.
- Ano:2025
- Países de produción: España
- Guión: Pepe Coira
- Fotografía: Lucía C. Pan
- Montaxe: Lucía Iglesias
- Produtora(s): Retrincos
Notas da directora
Ángeles Huerta
Antes de nós non é un biopic. Non aspira a relatar a vida completa dun home, e moito menos a glosar a traxectoria dun político. Antes de nós é unha historia sobre Castelao antes de ser Castelao, pero sobre todo sobre Daniel e Virxinia antes de seren Daniel e Virxinia. Porque sen ese “nós”, o Castelao que hoxe coñecemos probablemente nunca tería existido. As peripecias vitais da parella durante a gripe de 1918 e durante a súa viaxe a Bretaña no ano 29 son puntos de inflexión na vida de ambos. Momentos dese continuo baile de distanciamento e reunión entre Daniel e Virxinia. E precisamente por iso, son tamén momentos de crecemento de Castelao, como artista e como persoa, que o configuran como político.
A terrible epidemia do 18 coloca a Castelao en primeira liña de defensa do vulnerable, mais tamén na vangarda da oposición ao poder caciquil. Esa exposición total á extrema fraxilidade do humano reconcíliao co seu papel de esposo e pai, ao tempo que o achega a realidades artísticas alleas á vida burguesa de Pontevedra. Na súa relación co canteiro Sobral tentamos fabular sobre ese espertar da súa paixón polas formas da arte popular, formas que rematarían por constituír a base dunha arte de vangarda especificamente galega.
A viaxe do 29 é, no artístico, unha viaxe para converter en certezas o que no 18 non eran máis que intuicións. No persoal, unha viaxe de dó e reconstrución. Unha parella esnaquizada que remata por atopar no seu compromiso político con Galicia a razón para seguir adiante. E con todo, hai algo máis político que a construción dunha relación de parella entre dous seres humanos?