
Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí
-
Do 29 xullo ao 5 setembro de 2010
A Coruña
Os adeuses. Fotografías de Alberto Martí, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe.
Entre o 26 de maio e o 26 de xuño de 2011 no Museo do Pobo Galego de Santiago.
Entre o 8 de abril e o 22 de maio de 2011 na Fundación Barrié de Vigo.
Entre o 29 de xullo e o 5 de setembro de 2010 na Fundación Barrié da Coruña.
Esta mostra recrea en imaxes un feito histórico relativamente recente: o éxodo galego cara a América entre os anos 1957 e 1963 desde os portos da Coruña e Vigo e o posterior regreso a Galicia. As fotografías están distribuídas en tres áreas: A ida, A volta e O buque Santa María. A última é unha reportaxe de Alberto Martí sobre o secuestro do buque portugués Santa María que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo polo Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).
A exposición consta de 73 fotografías de tamaño 40x40 cm montadas en marcos de madeira natural en 60x70 cm. Todas elas están positivadas en papel baritado de xelatino-bromuro de prata da marca Ildord e viradas ao selenio para a súa conservación. A maioría das fotos nunca se revelaran.
Alberto Martí Villardefrancos (A Coruña, 1922) leva máis de 70 anos dedicado á fotografía, e traballou durante 50 anos como reporteiro de La Voz de Galicia. Recibiu grande cantidade de premios nacionais e internacionais, en cidades como Madrid, Barcelona e Bos Aires, e parte da súa obra está publicada nun libro monográfico editado polo Concello da Coruña.