Miradas alleas. Unha visión de Galicia
-
Do 22 abril ao 3 xuño de 2008
Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela
Un país ofrécese ao exterior e é mirado de diferentes maneiras: da forma máis evidente, a través da súa paisaxe. De xeitos máis complexos, por medio da súa gastronomía ou da súa lingua, dos seus costumes, das súas realizacións literarias ou artísticas. A partir de mediados do século XIX, esa proxección externa levarase a cabo, dunha maneira basilar, por un medio de expresión que será sinónimo da modernidade e da evolución dos novos tempos. Referímonos, naturalmente, á fotografía.
A mostra que se propón baixo o nome de Miradas alleas pretende, xustamente, explicar esta maneira de mostrarse Galicia perante os viaxeiros que nos visitaron no último século e medio. Efectivamente, desde as fotografías que, en 1865, realizou Charles Thurston Thompson para o Proxecto Fotográfico Ibérico ata as que tiraron, por poñer o caso, Aziz+Cucher, Jean Dieuzaide ou Bernard Plossu, a mudanza da sociedade atinxiu ben aspectos superficiais, ben os alicerces da mesma. Formas de vida que parecían perfectamente inseridas desde había séculos foron varridas polo vento da Historia. Feitos da realidade que se xulgaban como incomprensibles están hoxe presentes cun selo de radical verdade.
Percorrendo o que poderiamos nomear a nosa interioridade, Miradas alleas, pretende, polo tanto, mostrar Galicia no mundo. Propón, en resumo, a comparanza entre o Particular e o Universal, as nosas características nacionais co Xeral do que formamos parte. Mais, igualmente, alén do dito, esta mostra propón un percorrido pola Historia da Fotografía. Nela podemos ver a evolución da técnica fotográfica, o troco da mirada, a comparanza de resultados dos que basean as súas estratexias nunha pretendida táctica documental cos que poñen en primeiro plano a subxectividade da visión, o carácter de construción social e cultural que acompañan a calquera imaxe. Entre as reportaxes de Ruth Matilda Anderson e Daniel Canogar, non existe só a fenda propiciada polo transcurso de tres cuartos de século, senón tamén a aparición dunha greta máis fonda —a dixital— que troca, esencialmente, a nosa relación coa contorna, ao tempo que sementa en nós, de maneira incansable, a incerteza, característica tan propia do tempo fragmentado e híbrido que vivimos, ese tempo marcado pola dúbida, pola esgazadura da noción de verdade e mesmo da revisión do papel da ciencia. Desde estas perpectivas, Miradas alleas intenta ser unha contribución ao noso coñecemento como pobo diferenciado, ao coñecemento de diferentes formas de percepción e rexistro, ao coñecemento do medio fotográfico e da súa historia. É dicir: intenta alargar os límites do Coñecemento ao tempo que alongar a nosa propia ollada.
Coleccións e prestadores:
Galería Distrito Cu4tro
Arquivo da Catedral Santiago
Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Centro Galego de Arte Contemporánea
Juan Gil de Araujo
Fondo Fotográfico de la Universidad de Navarra
Arquivo do Reino de Galicia
Bernard Plossu
Diputación Provincial de Lugo
Museo Provincial de Lugo
Juan Escrigas
Museo Naval de Madrid
Museo Naval de Ferrol