Laurent Millet. Pequenas máquinas soñando imaxes
-
Do 10 marzo ao 16 abril de 2006
Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela
Laurent Millet nado en Francia en 1968, vive xunto ao estuario do Gironde, onde estableceu o seu territorio de traballo. Entre as súas últimas exposicións debemos destacar as realizadas no Centre de Photographie de Lectoure, no Musée Nicéphore Niépce en Châlon-sur Saône e no Museo de Belas Artes de Santa Fe. A súa obra está presente en numerosas coleccións públicas tan significativas como: Fonds National d’Art Contemporain de Francia, Maison Européenne de la Photographie en París, San Francisco Museum of Modern Art, Los Angeles County Museum, Museum of Fine Arts de Houston, Bibliothèque Nationale de París e Chicago Art Institute. Está representado comercialmente polas galerías Robert Mann de Nova York e Camera Obscura de París.Nesta exhibición en Santiago de Compostela Laurent Millet amósanos a súa produción máis recente. A exposición reúne fotografías das series: “Cabane” (2000), “Petite Machine Littorale” (2001-2002), “Monolithe” (2002), “Les Zozios” (2004), “Le Bestiaire” (2005), “Les vacances à Dusseldorf” (2006) e a obra composta de 16 pezas “Croquis” (2005). As fotografías en branco e negro de Millet están imbuídas nunha suave luz, producindo unha imaxe borrosa dos límites entre a terra e a auga, realidade e fantasía. Millet desenvolve con forza as oportunidades creativas ofrecidas por espazos transitorios onde coloca as súas complicadas e irreais esculturas que aparecen, na súa maioría, en augas pouco fondas. Estas fotografías logran ser táctiles na súa inmediatez aínda sendo como un soño na súa construción.Na súa proposta actual introduce por vez primeira a cor nas imaxes construídas, onde insiste na súa reflexión persoal sobre as formas, a través de construcións que nos recordan xestos pictóricos e de debuxo nunha sentida homenaxe a Joan Miro ou Paul Klee, entre outros grandes mestres da pintura contemporánea. Imaxes inventadas cheas de suxestións e sensibilidades que provocan no espectador unha lectura con diversas interpretacións. A mostra complétase coa proxección do vídeo titulado “Les Tempestaires”, realizado en Francia en 2005, onde o artista fai un percorrido poético sobre o seu territorio que serve de homenaxe á vida rural e á natureza cunha clara mirada ás cousas pequenas e cotiás que nos rodean habitualmente.