Eses extraños Disney (1922-1960)
110’ aprox. Distintas versións
PUSS IN BOOTS (31 de setembro 1922).
Director: Walt Disney. Animadores: Hugh Harman, Rudolf Ising, Walt Disney.
Película da serie Laugh-O-gram, rodada en Kansas City, antes do traslado a Hollywood, e que nunca se chegou a estrear comercialmente nas salas de cine.
ALICE RATTLE BY RATS (15 de novembro 1925).
Director: Walt Disney. Animadores: Ub Iwerks, Hugh Harmann, Rudolf Ising.
Entre 1924 e 1927 Walt Disney dirixiu a serie de comedias mudas protagonizadas por Alicia. A distribuidora, Margaret Wrinkler (que máis tarde casaría con Charles Mintz), pagáballe a Disney 1500 dólares por cartoon. Walt Disney interrompeu a serie tras 56 episodios, canso de combinar personaxes de animación con seres reais.
KING NEPTUNE (10 de setembro 1932).
Director: Burton F. Gillet. Animadores: Jack King, David Hand, Ben Sharpsteen, entre outros. Technicolor.
Curioso Disney, da serie Silly Symphonie, no que aparecen sereas en top-less e un dos piratas é homosexual. A famosa serie Silly Symphonie componse de 75 cartoons rodados entre 1929 (“The Skeleton Dance”) e 1939 (co remake en cor de “The Ugly Duckling”).
MERBABIES (9 de decembro 1938).
Directores: Rudolf Ising e George Stallings. Animadores: Manuel Moreno, Peter Burness, Michael Lah, entre outros. Supervisores: Walt Disney, Ben Sharpsteen, David Hand e Otto Englander. Technicolor.
Este fermosísimo cartoon, secuela doutra Silly Symphonie, “Water Babies”, é coñecido polos estudosos como “o Disney que non é un Disney”, pois é a única produción rodada fóra dos estudos Disney en vida de Walt. Este traballo rodárono os antigos amigos de Walt Disney da época de Kansas City, Hugh Harman e Rudolf Ising, os que, tras pasar pola Warner, nesta época producían cartoons para a Metro.
DER FUEHRER´S FACE (1 de xaneiro 1943).
Director: Jack Kinney. Technicolor.
Óscar da Academia ao mellor cartoon do ano. Orixinalmente titulado “Donald Duck in Nutziland”, o éxito da apegadiza canción “Der Fuehrer´s Face”, de Oliver Wallace, fixo que Walt cambiase o título. É un dos varios cartoons que Walt Disney rodou contra o réxime nazi e que, a pesar de que vén referenciado en multitude de bibliografías cinematográficas, é dificil de visionar hoxe en día.
REASON AND EMOTION (27 de agosto de 1943).
Director: Williams O. Roberts. Animadores: Vladimir Tytla, Oliver Johnston, Ward Kimball.
Este cartoon, nominado ao Óscar, amosa como a razón e a emoción poden traballar xuntos para gañar a guerra contra as forzas do Eixo. Excelente exemplo de película propagandística.
EDUCATION FOR DEATH (15 de xaneiro 1943).
Director: Clyde Geronimi. Animadores: Vladimir Tytla, Milt Kahl, Norman Tate, entre outros. Technicolor.
Cartoon especial, igualmente de temática anti-nazi. Trata a historia do pequeno Hans que, educado desde moi cativo nos principios nacional-socialistas do odio e da crueldade, cando crece chega a ser soldado para acabar na tumba. Nesta magnífica adaptación do libro de Gregor Ziemer hai imaxes moi fortes, como a da queima de libros, a substitución da Biblia por “A miña loita” ou a destrución de igrexas.
THE SPIRIT OF 43 (7 de xaneiro 1943).
Director: Jack King. Animadores: Paul Allen, Ward Kimball, Charles Nichols. Donald intenta convencer os espectadores de que pagar impostos é bo para acabar cos nazis. Rara xoia dificilmente visionable.
THE STORY OF MENSTRUATION / HISTORIA DE LA MENSTRUACIÓN (18 de outubro 1946).
Technicolor.
A primeira película educativa de Walt Disney foi “Tommy Tucker´s Tooth”, que filmou para un dentista de Kansas City en 1922. Durante a Segunda Guerra Mundial, Disney rodou bastantes curtas formativas que, en vez de estar protagonizadas polos seus personaxes habituais, explicaban temas difíciles de mostrar en imaxe real mediante o auxilio de gráficos, cinematografía intervalométrica, animación limitada, diagramas. Algunhas das curtas educativas rodadas despois da guerra, como “How to catch a cold” (“Como coller un arrefriado”) e “The Story of Menstruation” (“Historia da menstruación”), foron moi populares nas escolas estadounidenses —onde se exhibían en 16 mm.—, até finais dos anos sesenta. “Historia da menstruación”, que se presenta na súa versión en español, está producida por Walt Disney para a firma de compresas International Cellucotton. Esta película amósanos, a través de animación e diagramas, o desenvolvemento dos órganos xenitais femininos desde a infancia até a maternidade.
VD ATTACK PLAN / ENFERMEDADES VENÉREAS (datos de produción non coñecidos).
Director: Les Clark. Technicolor.
Sorprendente cartoon Disney, no que os debuxos protagonistas, Sífilis e Gonorrea, nos explican os seus plans de ataque para a poboación. A audiencia pode aprender os perigos das enfermidades venéreas, como se curan e que é o que hai que saber para previlas. Versión en español.
SECRETS OF THE PLANT WORLD / SECRETOS DEL MUNDO DE LAS PLANTAS (distribuído en setembro de 1960).
Director: James Algar.
Entre 1948 e 1960 Walt Disney realizou trece películas de natureza, divididas en sete mediometraxes e seis longametraxes (oito destas producións obtiveron Óscars). O encargado xeral destas producións (serie True-Life Adventure) era o seu sobriño Roy, actual vicepresidente da compañía. A primeira película True-Life Adventure foi “Seal Island”, unha produción de 27 minutos dirixida por James Algar en 1948. A distribuidora RKO (nese entón distribuidora das películas Disney), comunicoulle a Walt que non distribuirían a película porque ninguén sentaría nun cine a ver unha película de media hora sobre a natureza. Con esa forte fe nos seus proxectos que o caracterizaba, Disney convenceu a un amigo seu, dono dun cine en Pasadena, para que proxectase a película durante unha semana, a fin de que a Academia a puidese cualificar. A película conseguiu o Óscar ao mellor documental, así que Walt Disney colleu a estatuíña e díxolle ao seu sobriño: “Tómaa, Roy, lévaa á RKO e dálle con ela un bo golpe a alguén na cabeza”. Naturalmente, a RKO pediu inmediatamente máis películas da serie True-Life Adventure. Aquelas longametraxes desta serie máis longas fraccionáronse en dous ou tres segmentos independentes, para exhibir como complemento antes das películas ou para a súa distribución en 16 mm. no mercado educativo de colexios e universidades. “Secretos del mundo de las plantas” é un dos capítulos independentes que compoñen a longametraxe “Secretos de la vida”. A cinematografía intervalométrica —fotograma a fotograma ou stop motion—, amósanos aquí, con narración en español, a xerminación das sementes e o crecemento das plantas. É mester salientar aquí, como curiosidade cinematográfica, que “Secretos de la vida” é famoso polo cambio de formato que Walt Disney previu durante o transcurso da proxeción na época en que se exhibiu comercialmente nos cines estadounidenses: se ben todo o documental transcorre en formato plano, 1,37:1, as secuencias finais, das erupcións volcánicas, proxectábanse en formato anamórfico (CinemaScope), 2,35:1, moitos anos antes de que Douglas Trumbull empregase esa mestura de formatos na película póstuma de Natalie Wood “Brainstorm”.
Textos: Ignacio Benedeti.