Cartoon Manía
Do 1 de febreiro de 2006 ao 28 de febreiro de 2006
“Walter Elias Disney (1901-1965) foi un innovador no mundo do cine: súa é a primeira curta de debuxos animados distribuída comercialmente; súa foi a primeira en completo cor de tres matrices; o primeiro uso do storyboard; a primeira longametraxe de debuxos animados; a primeira película con son multicanal; a primeira serie de documentais sobre o mundo da natureza; o primeiro gran produtor en confiar na televisión; o primeiro cartoon anamórfico; o primeiro cartoon en tres dimensións; o primeiro en desenvolver multitude de procedementos técnicos do cine de animación; o primeiro en crear o concepto de parque temático.
Moitas das películas que el creou convertéronse, co paso dos anos, en parte do patrimonio cultural da Humanidade e son as únicas que seguen a obter recadacións multimillonarias, en calquera parte do mundo, sesenta ou setenta anos despois da súa estrea orixinal.
Pero, ademais das obras por todos coñecidas e de fácil acceso a través de soportes magnéticos ou informáticos, Walt Disney é o responsable de interesantes traballos imposibles de visionar hoxe en día posto que se encontran descatalogados, nalgún caso desde hai máis de oitenta anos.”
Ignacio Benedeti
Froito dunha investigación entre distintos coleccionistas cinematográficos británicos e estadounidenses, levada a cabo por Ignacio Benedeti, ofrécese, como primicia en España, a proxección en soporte cinematográfico do programa Eses estraños Disney, composto por raros traballos dos Estudos Disney, interesantes por distintos motivos, e que son difíciles de ver na actualidade. Con este programa iníciase unha sección nova que, cunha periodicidade mensual, se vai centrar no mundo da animación.