Dersu Uzala (El cazador)
Akira Kurosawa, 1975
148'. 35mm. Presentación e coloquio: C. Crespo e E.R. Blanco. Entrada de balde
Dersu Uzala (El cazador)
(URSS, Japón, 1975)
Dirección: Akira Kurosawa. Guión: Akira Kurosawa, Yuri Nagibin. Fotografía: Asakadzu Nakai, Youri Gantoman, Fedor Dobronrabov. Intérpretes: Maksim Munzuk, Yuri Solomin, Svetlana Danilchenko, Dima Kortishev, Schemeikl Chokmorov, Vladimir Kremena. Dur.: 148'.
En Dersu Uzala, Kurosawa fai falar a paisaxe. Faino a través da persoa – que non personaxe – do pequeno home, o gran cazador hezhen, que espontaneamente acompaña á expedición xeográfica. Comprendemos así que a paisaxe pouco ten que ver coa xeografía, ou coa topografía ou os mapas. A paisaxe interprétase en clave sensorial. “Tendes ollos e non vedes”, amoesta o vello cazador aos despreocupados mozos soldados. A paisaxe cambia cada día, cada hora, a cada paso. En ocasións amable, mais tamén inquietante, mesmo hostil, sempre viva, na paisaxe maniféstase a natureza en canto á súa realidade cambiante. Os seus límites non son as fronteiras nin os bordos dun plano, senón o que nun momento e nun lugar alcanza a vista, ou o que se pode percorrer nunha xornada de camiño. O cazador (a paisaxe), acompaña, guía, aconsella e axuda. Sobre todo a comprender a natureza como medio natural, mais en especial a condición humana. Kurosawa expón, cunha sensibilidade fonda e perfeccionista, cunha extraordinaria delicadeza, unha persoal reflexión sobre a dignidade do home en contacto coa natureza. Dersu Uzala é, como todas as grandes historias, un relato sobre a vida. Sobre a amizade, a camaradaría, o respecto e a dignidade. Sobre o amor, sobre todo aquilo que en realidade importa. (Cristóbal Crespo, Emilio Rodríguez Blanco)