
Contando a Carlos Casares (work in progress)
Gonzalo E. Veloso, 2017
60'. HD. Presentación: G. E. Veloso. Entrada de balde
Contando a Carlos Casares (work in progress)
(España, 2017)
Guión, dirección, produción e montaxe: Gonzalo E. Veloso. Fotografía e etalonaxe: Santiago
Teijelo Vázquez. Documentación: Melodi Parga Otero. Dur: 60’.
Entre algúns dos participantes figuran Xavier e Häkan Casares, Arcadio López Casanova, Marina Mayoral, Basilio Losada, Damián Villalaín, Antón Riveiro Coello, Xavier Carro, Camiño Noia, Luís González Tosar, Arturo Lezcano, Manolo Rodríguez, Miguel Anxo Fernández, Gonzalo Navaza, Xosé Manuel Soutullo, José María Paz Gago, Maribel Outeiriño, os irmáns Fonseca Moretón, Acisclo Manzano e Buciños.
Contando a Carlos Casares é un documental en que participan familiares e amigos, así como especialistas no autor homenaxeado, cos cales percorremos as facetas máis sobranceiras da súa vida para poder coñecermos o home, así como podermos atopar as chaves con que nos enfrontar á súa obra literaria. Este achegamento facémolo dende diversos puntos de vista: ofrecemos unha visión próxima como persoa, máis aló do personaxe histórico-cultural; abordamos a súa metodoloxía de traballo, as súas motivacións, as súas paixóns e as súas dinámicas; damos espazo para a análise e a crítica literaria dun xeito próximo e reparamos no seu labor como editor, como político e como axente cultural. A finalidade é mostrarmos a pluralidade e a versatilidade de Carlos Casares, así como elaborarmos unha obra que permita ao espectador coñecer os piares sobre os que se asenta a súa creación e a súa figura.