Cartoons politicamente incorrectos (I)
1929-1951
95’ aprox. Distintas versións.
CHINATOWN, MY CHINATOWN (serie “Screen Songs”) (29 de agosto de 1929.
Dirección: Max e Dave Fleischer.
Os irmáns Fleischer eran a finais dos anos vinte, e durante case toda a década seguinte, os principais competidores de Walt Disney. Unha das innovacións máis populares dos Fleischer verémola neste cartoon. Trátase da “bouncing ball”, que os Fleischer crearon en 1924, consistente nun punto que vai saltando de sílaba en sílaba sobre o texto das cancións que aparecen en sobreimpresión sobre a película, indicándolles así aos espectadores do cine que era o que debían de cantar e o momento en que facelo, acompañados, en directo, por un pianista ou orquestra (dependendo da categoría da sala). O éxito desta especie de karaoke primitivo prolongou a súa vida despois do advento do sonoro. Este cartoon é a historia dunha lavandería chinesa, con múltiples estereotipos étnicos.
BETTY BOOP’S PENTHOUSE (10 de marzo de 1933)
Dirección: Max e Dave Fleischer. Animadores: Willard G Bowsky. Música: Sammy Timberg.
Até 1934, data na que Will Hays establece a oficina denominada
“Production Code Administration” (PCA), que visiona e clasifica todas as
producións cinematográficas a fin de proceder á súa cualificación moral, os debuxos animados presentaban gags que se considerarían inadecuados despois. Desta época, precódigo PCA, é o cartoon “Betty Boop´s Penthouse” (1933), no que a vampiresa animada aparece coa saia máis curta que en traballos posteriores e que hoxe é considerado politicamente incorrecto por un chiste sobre o comportamento homosexual: Frankenstein, tras coller unhas flores, comeza a bailar efeminadamente.
SANTA´S WORKSHOP (10 de decembro de 1932)
Dirección: Wilfred Jackson. Animadores: Arthur Babbitt, Les Clarck, Chuck Couch, Jack Cutting, Joseph d’Igalo, George Drake, Norman Ferguson, Nick George, Clyde Geronimi, Jack King, Jack Kinney, Edward Love, Richard Lundy, Halmiton S. Luske, Fred Moore, Tom Palmer, Harry Reeves, Louis Schmitt, Ben Sharpsteen, Marvin Woodward. Música: Frank E. Churchill.
É moi raro ver estereotipos étnicos en debuxos de Walt Disney. Este é un deles. Na súa fábrica de xoguetes no Polo Norte, unha boneca negra fala con desenvoltura a Papá Noel, en lugar de facelo coa timidez das bonecas brancas que lle preceden na cadea de montaxe. Este gag, aínda que nos Estados Unidos se encontra vetado, non o está en Europa, onde a Disney distribúe o cartoon coa secuencia íntegra. Cómpre aclarar nestas liñas que os raros estereotipos étnicos nos cartoons de Disney xamais foron ofensivos ou desprezativos, a diferenza dos debuxos doutros animadores. Como curiosidade, mencionar que neste cartoon, Disney rende homenaxe ao seu admirado Charles Chaplin.
CLEAN PASTURES (serie “Merrie Melodies”) (22 de maio de 1937)
Dirección: I. Freleng. Animadores: Paul Smith, Phil Monroe. Música: Carl W. Stalling.
Un San Pedro de cor envía anxos a Harlem para buscar negros que queiran ir ao ceo. Freleng presenta nesta obra os negros como uns trouleiros interesados exclusivamente no alcohol, nas mulleres e no xogo, e que ao final dos seus días van a un ceo só para negros. Con caricaturas de Cab Calloway, Al Jolson, Louis Armstrong e The Mill Brothers.
OUT OF THE INKWELL (serie “Betty Boop”) (22 de abril de 1938)
Dirección: Max e Dave Fleischer. Animadores: Thomas Johnson, Otto Feuer. Música: Sammy Timberg.
Os irmáns Fleischer amósannos a unha Betty Boop que a través da hipnose converte en traballador a un preguiceiro empregado negro de imaxe real.
CONFEDERATE HONEY (serie “Merrie Melodies”) (30 de marzo de 1940)
Dirección: I. Freleng. Animadores: Cal Dalton. Música: Carl W. Stalling.
Aínda que moitos dos cartoons que compoñen o programa “Cartoons politicamente incorrectos” están vetados na actualidade, uns poucos si que se distribúen, aínda que en versións cortadas, das que se suprimiron aquelas secuencias consideradas politicamente incorrectas. É o caso, por exemplo, de “Confederate Honey”, cartoon que rodou Freleng en 1940 e que é unha parodia con matices racistas de “Lo que el viento se llevó”. Na versión censurada que Turner distribúe para televisión non se aparece a charla do coronel O´Hara na que protesta porque “os impostos crecen e os negros rebélanse”(sic). Todas as referencias aos negros están eliminadas. Algunhas destas referencias eran certamente insultantes, como a do algodoeiro que traballa tombado levando as diminutas bolas de algodón dunha cada vez “porque dúas pesan moito”(sic). Naturalmente, o CGAI presenta este cartoon na súa versión íntegra, non censurada.
PUSS ´N´ TOOTS (30 de maio de 1942)
Dirección: William Hanna, Joseph Barbera. Animadores: Peter Burness, Kenneth Muse, Jack Zander. Música: Scott Bradley.
Estas directrices de prohibir a distribución de cartoons ou outros tipos de creacións artísticas, por consideralos politicamente incorrectos, é unha nova forma de censura levada a cabo por toda unha cohorte de talibáns que non dubidan en impedir que o público xeral poida ver o que eles xulgan que é incorrecto, segundo a moda do momento. Películas tan famosas como “Fantasía” (1940), víronse modificadas recentemente para censurar, por exemplo, a aparición de centauros negros, e, no caso de “Blancanieves y los siete enanitos”, na súa nova dobraxe castelá, os ananos son referidos como “pequenos homiños”. Esta ditadura do politicamente incorrecto ás veces roza o absurdo. Nos debuxos de Tom e Jerry clásicos, dos anos corenta, cando se emiten pola televisión norteamericana, a característica voz da criada negra, foi substituída por unha con acento irlandés! En España non chegamos a tanto, e estes debuxos seguen a emitirse coa dobraxe orixinal da época. “Puss and toots”, de 1942, é o primeiro cartoon de Tom e Jerry no que aparecía a criada negra. Este cartoon contén tamén un estereotipo chinés.
THE BOOGIE WOOGIE BUGLE BOY OF COMPANY B (serie “Cartoon”) (1 de setembro de 1941)
Dirección: Walter Lantz. Animadores: Alex Lovy, La Verne Harding, Grim Natwick. Música: Darrell Calker.
Racista musical “all black” co que Walter Lantz, o creador do Paxaro Tolo, foi finalista ao Óscar no ano 1941.
THE BLITZ WOLF (22 de agosto de 1942)
Dirección: Tex Avery. Animadores: Ray Abrams, Irven Spence, Preston Blair, Ed Love. Música: Scott Bradley.
Nomeado a un premio da Academia, a historia dos tres porquiños adaptada á época da segunda guerra mundial na que o lobo está interpretado por Hitler. En vez de prohibilo por politicamente incorrecto (xa que pode ferir a sensibilidade do pobo alemán), este cartoon debérase difundir polo contrario: a súa mensaxe é absolutamente correcta en todo!
SUPERMAN IN THE JAPOTEURS (serie “Superman”) (1942)
Dirección: I. Sparber. Animadores: Myron Waldman, Graham Place. Música: Sammy Timberg.
Os cartoons da serie “Superman” levados á grande pantalla polos irmáns Fleischer a principios dos corenta, aínda sorprenden hoxe coa súa variedade impoñente de ángulos de cámara, cada un dos cales fai necesario un novo fondo. Os Fleischer concibiron para a serie “Superman” un peculiar aspecto cunha iluminación a base de contraluces, o que lles permitía aos artistas obter debuxos con sombreados dramáticos. Neste cartoon, anti-xaponés, vemos como o máis grande superbombardeiro do mundo é capturado por norteamericanos de ascendencia nipona, aparentemente bos cidadáns, no seu voo de probas.
SUPERMAN IN JUNGLE DRUMS (5 de marzo de 1943)
Dirección: Dan Gordon. Animadores: Orestes Calpini, H.C Ellison. Música: Sammy Timberg.
Nesta nova entrega da serie “Superman”, os Fleischer amósannos como a xornalista Luisa Lane é capturada por uns negros que están ao servizo dos nazis.
CAR OF TOMORROW (22 de setembro de 1951)
Dirección: Tex Avery. Animadores: Walter Clinton, Grant Simmons, Michael Lah.
O xenio da animación Tex Avery chancea, empregando gags misóxinos referidos ás mulleres condutoras, coas prestacións que terán os coches o día de mañá.
Duración: aproximadamente 95 minutos.
Textos: Ignacio Benedeti.