Autrement, la Molussie
Nicolas Rey, 2012.
81'. Subt. Galego.
AUTREMENT, LA MOLUSSIE
(Francia, 2012) Dirección, produción e fotografía: Nicolas Rey. Duración: 81 minutos.
O francés Nicolas Rey lévanos a un país inventado. Autrement, la Molussie é unha adaptación da novela póstuma de Günther Anders (home de Hannah Arendt), Die molussische Katakombe, composta de diálogos entre dous dos seus personaxes, dous prisioneiros dun estado fascista, a Molussie (a novela foi escrita entre 1932 e 1936, antes de que Anders e Arendt abandonasen a Alemaña nazi), que fabulan arredor da vida no exterior, un país que Rey imaxina a través dunhas paisaxes filmadas con película de 16 mm caducada. Autrement, la Molussie está constituída por 9 bobinas de 16 mm que teñen que seren proxectadas aleatoriamente, de tal forma que cada proxección é única, quedando a súa orde en mans do proxeccionista (neste caso, o proxeccionista do CGAI).