Ah-ga-ssi/ La doncella
Park Chan-wook, 2016
144'. DCP. Subt. Castelán
Ah-ga-ssi/ La doncella
(Corea do Sur, 2016)
Dirección: Park Chan-wook. Guión: Parl Chan-wook, Jeong Seo-kyeong. Fotografía: Chung Chung-hoon. Intérpretes: Kim Min-hee, Kim Tae-ri, Ha Jung-woo, Jo Jin-woong, Kim Hae-suk, Moon So-ri. Dur: 144'.
Anos 30, Corea. Os xaponeses teñen invadido o país, e decote mulleres coreanas serven nas casas de ricos nipóns. Sook-hee, unha delas, atende a Hideko, que vive recluída nunha gran mansión ao servizo dun tirano. Coa axuda dun estafador que se fai pasar por un conde de Xapón, a doncela e este pillabán teñen ases debaixo da manga para Hideko e o seu amo.
Chan-wook volve en aparencia construír a súa estrutura narrativa arredor da vinganza, para levar o espectador a novos terreos. Como unha matrioska, esta película vaise descubrindo aos poucos, cun xiro argumental no medio que pillará desprevido ata ao máis avezado seguidor do responsable de Oldboy, a súa obra mestra, que xa remataba cun último acto moi inesperado. De aspiracións hitchcockianas na vertente máis psicanalítica do autor de Vértigo, a execución formal débelle máis a Brian De Palma ou Quentin Tarantino.
Como se se tratase dunha versión pulp dunha novela de Yasunari Kawabata, este fastoso filme de época – o primeiro do autor se exceptuamos a curtametraxe Night Fishing – preséntase inundado por unha exaltación estética do corpo da muller, non exenta de polémica no festival de Cannes, onde foi presentada o ano pasado. Para os críticos, a ollada do coreano perverte as intencións feministas da novela de Sarah Waters da que parte; para os seus defensores, a trama eríxese en defensa a prol da emancipación da muller. Todos coinciden nunha cousa: La doncella é unha lección de estilo dun dos cineastas que máis controla o xénero no cine contemporáneo.