Imaxinarios en tránsito
Del 1 de febrero de 2008 al 29 de febrero de 2008
ENSAIO, RESISTENCIAS POÉTICAS E LUGARES COMÚNS SOBRE UNHA POSTRANSICIÓN Á DEMOCRACIA:
En colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Integrado no “Plan Rosebud (Sobre imaxes, lugares e políticas de memoria)”, que coordina a artista galega María Ruido no marco do Proxecto-Edición desenvolvido polos tres museos galegos de arte contemporánea (MARCO, CGAC e Fundación Luís Seoane), o ciclo dirixido pola escritora, artista e profesora de Comunicación Audiovisual na Universitat de Valencia, Virginia Villaplana, presenta unha selecta mostra de traballos de diferente procedencia co concepto da narrativa da resistencia fronte a estruturas institucionais ou oficiais, así como os procesos de transición á democracia en distintos países. O ciclo aproveita para ofrecer a versión completa de Después de... (1981), a recordada aproximación documental en forma de cine-enquisa de Cecilia e José Juan Bartolomé á transición política española e regala un dos traballos de Hito Steyerl (Lovely Andrea) presentes na Documenta 12 de Kassel, que prolonga en parte a maxistral November (2004).
“Na vella Europa, que se apresura a enterrar no faiado da Historia os restos do seu pasado, emerxe a necesidade de traer ao presente as orixes que deron paso aos distintos modelos democráticos. Estaría a Historia recente envolta nesa mesma mercantilización do consumo? A memoria parece que foi raptada ou convertida nun souvenir do recordo consumido pola versión que as industrias culturais diseminadas no espectáculo deixaron tras de si.
Unha das moitas interrogantes que formula este ciclo Imaxinarios en tránsito é a suplantación da escritura e as narrativas de resistencia fronte á historia narrada con H maiúsculo. A transformación da escritura a través da imaxe a modo de ensaios, resistencias políticas e lugares comúns nos que atoparnos fronte á definición das sociedades-democracias occidentais xunto aos países do Leste tras a caída do Muro de Berlín en 1989, e ampliando este imaxinario a outros casos como o foron a experiencia arxentina e chilena na década dos oitenta do pasado século. Un tránsito poboado de imaxinarios cara á democracia cando aínda a revisión do pasado en termos de conciencia social quedou velada, borrosa e ata incompleta. Por iso, este ciclo Imaxinarios en tránsito mostra que ensaiar sobre a realidade é ensaiar sobre a liberdade, e, á vez, supón exercer unha práctica democrática ao intentar subliñar a necesidade de apropiarse das historias cotiás pero tamén de xustapoñer o esquecemento fronte á necesidade de narrativas antagonistas aos grandes relatos que o cine como industria cultural fabricou.
A experiencia da escritura aparece así como un dos eixes de conexión do contacto híbrido entre a palabra e a construción de narrativas que invocan a procedencia desas mesmas sociedades democráticas. A representación fílmica e videográfica a modo de ensaio funciona como un dispositivo que brinda dobre información: unha ben explícita, aquela que vemos na pantalla e que escoitamos; outra implícita, que pon de manifesto os argumentos que mediatizan unha determinada representación da relación entre narración, memoria e evocación inseridas no ámbito da vida cotiá. Neste sentido, as narrativas fílmicas e videográficas que integran este ciclo de cine e vídeo máis que responder a unha función dramática propia do cine clásico pero tamén posmoderno, incluíndo a súa formulación, nó e desenlace, disólvense na idea de documento inacabado, tendendo na súa forma de ensaio persoal ou tratado a suplantar a construción dun recordo pola dun imaxinario cheo de resistencias e potencialidades”.
Virginia Villaplana, comisaria do ciclo.
1. O mito da transición.
2. A conta atrás.
3. O esquecemento da diáspora
4. Fala a morte
5. Tolemias familiares: a Familia ben, grazas!
6. Monumentos, símbolos e residuos.
Agradecementos: Virginia Villaplana, María Ruido, Lucía Bello, Cecilia Bartolomé, Marcelo Expósito, Marina Grzinic, Karl Winter, Pedro Ortuño, Christina María Hardt, Sixpack Film (Austria), Michaela Grill, Jesús Cano, VideoMercury Films, Filmoteca Española, Mira Bernabeu, Patricio Guzmán, Beatriz Caravaggio, Imágenes contra el olvido, Ignacio Benedeti.

DESPUÉS DE...

NO HABER OLVIDADO NADA

POSTSOCIALIZEM + RETROAVANGARDA + IRWIN (POST-SOCIALISM + RETROAVANTGARD + IRWIN)

COUNTDOWN
ABANICO ROJO

EL TREN DE LA MEMORIA

MUERTE EN EL VALLE

MÁS MUERTAS VIVAS QUE NUNCA

NOVEMBER

LOVELY ANDREA

PANORAMA DOMÉSTICO ¡ACCIÓN!

EL DESENCANTO

CHILE, LA MEMORIA OBSTINADA
