Yellow Brick Road+ No Cow in the Ice
Eloy Dominguez Serén
77'. HD/DCP. Subt. Galego. Entrada de balde
Yellow Brick Road
(Suecia, 2015)
Filmación e edición: Eloy Domínguez Serén. Con: Hamdi Bidi Bugrain e Ali Salem Mohamed Ali. Dur: 14'.
Na primavera de 2014 vivín e traballei durante dous meses nos campos de refuxiados saharauís en Tindouf, Arxelia. Durante a miña estancia na Wilaya de Boujdour encomendáronme traballar como profesor voluntario na Abidin Kaid Saleh (Sahara Film School), onde impartín un módulo en dirección de cine durante oito semanas. Despois do traballo adoitaba pasear un cacho ao redor da wilaya, e aí trababa a miúdo conversa cos veciños. Algúns falaban español ou inglés e outros non (desafortunadamente, non falo árabe nin hassaniya), mais sempre lograbamos comunicarnos dun xeito ou doutro. Yellow Brick Road retrata un deses fortuítos e afortunados encontros.
Fascinoume rapidamente a presenza cativadora, poderosa e omnipotente dos coches nos campos; non só os vehículos que aínda están operativos, mais tamén aqueles que, logo de se avariaren, fican aínda “coas súas familias”. Nunha tarde libre decidín saír filmar eses esnaquizados mais maxestuosos coches, o que fixen durante un par de horas, mais en canto filmaba un vello camión, un curioso, vivaz e agudo cativo apareceu en cadro e transformou irrevogablemente o curso dos acontecementos.
Daquelas estaba a ler Ébano de Ryszard Kapuściński, que obtivera dun amigo saharauí. Neste grupo o xornalista e viaxeiro polonés convida o lector a “atopar o Outro”, chegar a un entendemento con el e descubrir en nós propios un fragmento del. Gústame crer que dalgún xeito esta curta reflicte o meu desexo de atopar e comprender o “Outro”, compartir un momento de felicidade e achegamento con el (con eles, Hamdi e Ali, neste caso).
Eloy Domínguez Serén
Ingen ko på isen / Non hai vacas sobre o xeo
(Suecia, 2015)
Filmación e edición: Eloy Domínguez Serén. Fotografía adicional: Pilar Monsell. Dur: 63'.
Cando cheguei a Suecia no verán de 2012, sabía relativamente pouco deste país. A miña percepción deste lugar estaba primordialmente baseada nun imaxinario histórico, se ben non moi preciso, definido polos principais fitos da cultura e a política sueca do século XX: desde o folkhemmet promovido polos gobernos socialdemócratas de Tage Erlander e Olof Palme, pasando polo universo político, social e emocional de Astrid Lindgren, ata a dramática complexidade e angustia existencial dos personaxes de Ingmar Bergman. Durante os meus primeiros meses en Estocolmo (que foron moi excitantes e inspiradores en moitos sentidos, mais tamén raros e confusos noutros) atopei na literatura unha preciosa fonte de ensino: as novelas de Mankell, Strindberg, Sjöwall-Wahlöö, Lindqvist ou Läckberg, así como a poesía de Tomas Tranströmer ou as bandas deseñadas de Martin Kellerman axudáronme a entender mellor o meu novo contexto e chegar a coñecer os meus veciños.
É máis, a lectura da autobiografía de Jonas Mekas, I Had Nowhere to Go, causoume unha fonda impresión e foi de grande inspiración para reflexionar sobre a miña propia experiencia como inmigrante. Acompañando estas obras literarias, outros importantes obxectos como dicionarios ou libros de texto pasaron a formar parte do meu día a día rapidamente.
Tanto a orixe coma o desenvolvemento de Ingen ko på isen estiveron especialmente determinados por eses factores, o que implicou unha presenza relevante da palabra escrita no filme. Durante dous anos, estiven documentando a miña experiencia en Estocolmo tanto en imaxes como en palabras escritas, de xeito que a miña filmación víase regularmente acompañada da escrita no meu diario, e viceversa. Ao facer iso estaba a explorar a miña contorna mediante imaxes e sons, ao tempo que reflexionaba sobre isto a través da miña escritura. Máis aínda, mesmo estaba a aprender o léxico sueco para todas esas imaxes, sons e pensamentos. Así, este procedemento directo permitiu que os diferentes modos de expresión se fundan con harmonía no filme.
Eloy Domínguez Serén