Voyage à travers le cinéma français / Las películas de mi vida
Bertrand Tavernier, 2016
190'. DCP. Subt. Castelán
Voyage à travers le cinéma français / Las películas de mi vida
(Francia, 2016)
Dirección e guión: Bertrand Tavernier. Fotografía: Jérôme Alméras, Simon Beaufils, Julien Pamart. Montaxe: Marie Deroudille, Guy Lecorne. Dur: 190'.
No estilo dos documentais de Martin Scorsese A Personal Journey With Martin Scorsese Through American Movies (1995) e Il mio viaggio in Italia (1999) ou da obra de Mark Cousins La historia del cine, una odisea (2011), Bertrand Tavernier realiza en Las películas de mi vida un percorrido polo cine francés que máis o marcou. Faino cunha montaxe áxil e un discurso ameno, lonxe da clase maxistral de historia ou o puro coñecemento enciclopédico. Partindo de Dernier atout (1942) de Jacques Becker, a primeira película que o impresionou, vai repasando as súas memorias do cine galo dende unha perspectiva persoal.
A película intercala treitos das películas escolleitas con material de arquivo pertencente a rodaxes e entrevistas; todo fiado cunha longa entrevista con Tavernier e unha charla que mantén con Thierry Frémaux, director do festival de Cannes.
Esta historia do cine galo acaba por ser a dun Tavernier que usa a emoción, e non a análise obxectiva, para conectar cada filme co seguinte. É unha visión moi persoal, na que xoga un importante papel a súa posición como cineasta, a súa concepción do cine, e as súas filias cara a cineastas se cadra hoxe bastante esquecidos, coma Claude Sautet ou Jean Grémillon.
Las películas de mi vida resulta un pracer cinéfilo que cada un pode encarar dende a súa propia posición e dialogar con el. Tamén servirá, mesmo para os máis eruditos, para descubriren algúns filmes dos que nunca escoitaron falar, ou que xa esqueceran, e que de seguro engadirán á súa listaxe de deberes.