Sinais
Pezas Eloy Domínguez.
Presentación do autor. Vídeo. Entrada de balde.
SINAIS. Pezas Eloy Domínguez
A tenacidade de Herzog e a xovialidade de Godina; a lírica de Akerman e a precisión de Loznitsa; a severidade de Dvortsevoy, a conciencia de Marker, o descaro de Stefan Jarl... Todo me atrae, e intriga, todo me estimula. Todo me ilusiona, me fascina. Quero velo e probalo todo. Aprender, copiar, experimentar... Desaprender e aprender de novo.
É un momento fráxil, crebadizo: todo está por se construír aínda e todo se pode destruír aínda. Todo é incerto e fuxidío, todo é esperanzador. Camiño e miro ao meu arredor: piso Galiza, Suecia, Noruega, o Sáhara... A miña pegada é leve e efémera; borrarase tras a miña partida, sepultada baixo o barro, a neve, a area... A súa pegada, non obstante, virá comigo onde vaia.
Vexo voces e escoito imaxes; observo os uns e os outros. Contemplo, calo. Continúo o meu camiño. Algún día recordarei que estiven alí. Arrastro a miña maleta ata a plataforma. Vexo paisaxes en movemento dende o asento dun tren. Penso no vello Mekas e penso no mozo Andrés. Penso nas reminiscencias dunha viaxe. No camiño, de cando en vez, enxergo breves momentos de beleza: vexo paralelos e constelacións, cans que foxen, utopías... Míroos en silencio e bebo da súa enerxía. Achego ben o oído: "nothing happens in this film".
Eloy Domínguez Serén