SESIÓN 1
VV.AA, 2015-2016
78'. DCP. Subt. Castelán
Amélia & Duarte
(Portugal, Alemaña, 2015)
Dirección e guión: Alice Guimarães e Mónica Santos. Fotografía: Manuel Pinto Barros. Intérpretes: Gilberto Oliveira, Sara Costa. Dur: 8’.
Nesta historia, somos guiados a través da vida de Amélia e Duarte, dúas persoas que se separan e están a tentar lidar cos sentimentos que veñen logo do final dunha relación.
A súa relación ten a forma dun arquivador e o seu contido ilustra a historia sobre a súa fin. Guíannos por varias das formas en que ambos loitan coa separación e como eles intentan dividir, destruír e apagar as memorias do outro.
No filme utilízase a pixelización e o stop-motion e ten unha ambientación Technicolor da década dos cincuenta, retratando non só o surrealismo das accións dos protagonistas, mais tamén proporcionando unha impresión cromática irónica sobre a fin do amor.
Penúmbria
(Portugal, 2016)
Dirección e guión: Eduardo Brito. Fotografía: Jorge Quintela. Voz off: Ricardo Vaz Trindade. Dur: 9'.
Penúmbria, a distópica, fundouse hai douscentos anos nun istmo de difícil acceso. De chan árido, mar revolto e clima violento, déronlle o nome pola sombra case permanente provocada por unha montaña ao sur. Ata que un día, os seus habitantes decidiron entregala ao tempo. Esta é a historia dun lugar inhabitable.
Maria do Mar
(Portugal, 2015)
Dirección e guión: João Rosas. Fotografía: Paulo Menezes. Intérpretes: André G. Pinto, Francisco Melo, Luís Araújo, Maria Canelhas, Mariana Gaivão, Miguel Carmo, Miguel Plantier, Paola Giufridda. Dur: 30’.
Unha fin de semana de verán nunha casa rural na zona de Sintra. Nicolau, un rapaz de 14 anos, pasa dous días na compaña do irmán máis vello, Simão, e os amigos deste, todos duns 30 anos. A bela e reservada Maria do Mar é o foco da atención de todos, mais Nicolau é quen mais verá a súa vida perturbada por aquela inesperada presenza feminina. Entre os traballos da casa e as subidas á árbore, a historia sobre un falecido avó sedutor e a orixe da forma dos tortellini, un amigo enguedellado na resaca amorosa e xogos de sedución danzante, Nicolau vai ollando para aquel grupo de mozos adultos coa sorpresa de quen non pertence a aquel mundo e a fascinación de que nada volverá ser como antes.
À Noite Fazem-se Amigos
(Portugal, 2016)
Dirección: Rita Barbosa. Guión: Rita Barbosa, Marta Brito. Fotografía: Paulo Menezes. Intérpretes: Andresa Soares, João Nicolau, José Manuel Mendes, Mariana Ricardo, Máximo Cardoso, Nuno Moura. Dur: 24’.
No ano en que non se fixo cine en Portugal, un grupo de amigos embarca nunha expedición misteriosa. Ían ver os lobos no seu hábitat natural, mais ficaron pechados nunha casa onde non tiñan moito que facer. A medida que a noite vai pasando a expedición parece cada vez máis frustrada, ata que por fin, o biólogo que lles prometera aventuras aparece. Mais mesmo xa no medio do campo, non viron lobos e ningún lobo os viu a eles. Ficamos sen saber como todo termina, ficamos mesmo sen saber se aquilo algunha vez comezou.
A Brief History of Princess X
(Portugal, Francia, Reino Unido, 2016)
Dirección e guión: Gabriel Abrantes. Fotografía: Jorge Quintela. Intérpretes: Filipe Vargas, Francisco Cipriano, Joana Barrios. Dur: 7’.
Un retrato delirante da escultura Princess X de Constantin Brancusi, unha controversa escultura en bronce, que comezou coma un busto da igualmente controversa sobriña bisneta de Napoleón, Marie Bonaparte.