Wenceslao Fernández Flórez
Do 1 de novembro de 2010 ao 23 de decembro de 2010
Con motivo do 125 aniversario do seu nacemento, unha aproximación a algunhas das excelentes adaptacións cinematográficas que teñen como referencia a literatura do escritor galego Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña, 1885 - Madrid, 1964), figura capital da súa época. Destacado polo seu persoal sentido do humor, impregnado de fatalismo e melancolía; a conciliación de elementos ludolingüísticos; as descricións costumistas cheas de realismo; o sentido autorreferencial e metanarrativo de moitos dos seus relatos; a concepción desmitificatoria, irónica e mesmo subversiva da existencia que transloce o seu universo narrativo, Fernández Flórez vai ser un dos autores con máis versións fílmicas da Historia do cine español –especialmente nos anos 40 e 50-, chegando a colaborar como dialoguista, argumentista e guionista nalgúns traballos. Entre os vinte e cinco filmes posibles e observando a presenza na sala do CGAI varias veces de títulos que adaptaban o literato coruñés (o último a magnífica Camarote de lujo), entre as comedias sofisticadas, policiais ou radicais melodramas, escollemos unha liña de títulos presididos pola vontade autoconsciente, o humor e a tendencia ao relato reflexivo e metacinematográfico que nos permite recuperar desde a comedia amarga El malvado Carabel (1955) de Fernando Fernán-Gómez á primeira longametraxe de Julio Diamante, Los que no fuimos a la guerra (1961), pasando pola deconstrución d’El destino se disculpa (1945) de Saénz de Heredia, a potente fábula de posguerra El hombre que se quiso matar (1942) de Rafael Gil, protagonizada polo tamén galego Antonio Casal, e o melodrama amoroso Ha entrado un ladrón (1949) de Ricardo Gascón.
En colaboración con: Asociación da Prensa da Coruña.
Agradecementos: Filmoteca Española, Cristina Bernáldez, Vídeo Mercury, Julio Diamante, Arturo Marcos.

Los que no fuimos a la guerra

El malvado Carabel

El destino se disculpa

El hombre que se quiso matar
