Ventos do Leste: Os Novos Cines nos países socialistas europeos (1955-1975) (I)
Do 1 de decembro de 2006 ao 31 de decembro de 2006
En colaboración co Festival Internacional de Cine de Gijón, IVAC-La Filmoteca e Filmoteca Española.
O tren dos Novos Cines chega ás repúblicas socialistas do Leste de Europa para redondear o que quizais sexa o seu repaso máis complexo ata a data: detectar tanto trazos comúns, elementos dominantes ou temas recorrentes de películas rodadas en distintos países, como sinalar singularidades, nacionais e individuais, que permitan amosar o cine que se facía na Unión Soviética, Hungría, Checoslovaquia, Polonia, Iugoslavia, Bulgaria ou Romanía como un conxunto moderno de variadas poéticas. A diferenza da Nouvelle Vague ou o Free Cinema, o Novo Cine Italiano ou o Novo Cine Español, os Novos Cines do Leste, presentan unha particularidade única: o seu carácter colectivo. Mentres as mencionadas novas ondas se referían a un único país, este inclúe varios. Países chamados por forza política a compartir unha historia común, as distintas particularidades nacionais e culturais outorgaron trazos propios, perfectamente definidos nalgúns casos - Nova Onda Checa - e menos identificables nos demais. Esta retrospectiva dedicada a tales prácticas fílmicas detense nas obras máis relevantes que, nas décadas dos 60 e dos 70, facturaron cineastas fundamentais como Andrei Tarkovski, Andrzej Wajda, Sergei Paradjanov, Otar Iosseliani, Milos Forman, Roman Polanski, Miklós Jancsó, Jerzy Kawalerowicz, Vera Chytilova ou Jiri Menzel, entre outros. O ciclo prosegue durante os meses de xaneiro e febreiro de 2007 e vén acompañado da correspondente publicación.
Agradecementos: Filmoteca Narodowa (Polonia), Helena Dametka, Polish Film Institute (Polonia), Sue Jones, Andrew Youdelle, British Film Institute (Gran Bretaña), Magyar Filmunio (Hungría), Pierre Grise, Arkeion (Francia), Monique Gailhard.