Universo Wong Kar-wai
Do 21 de xaneiro de 2021 ao 25 de febreiro de 2021
Wong Kar-wai converteuse nun cineasta de culto nos anos noventa con filmes como Chungking Express (1994) ou Happy Together (1997). Porén, a súa verdadeira consagración internacional chegaría en 2000 con Deseando amar (In the Mood for Love), a película que se pode considerar o seu primeiro grande éxito e o título que o elevaría aos altares do cine de autor internacional (un deses nomes indiscutibles, como Michael Haneke, Pedro Almodóvar ou David Lynch), ata o extremo de que, ao finalizar a primeira década do novo século, aquela película figuraba nos primeiros postos da maioría das listaxes das mellores daqueles anos. Deseando amar definía o cine do novo século á par que sintetizaba moitos dos achados das seis películas precedentes de Wong Kar-wai, tanto os temáticos, coa súa predilección polos amores non correspondidos, coma estéticos, co seu peculiar estilo fotográfico e narrativo onde o tempo do plano é manipulado con fuxidías aceleracións e elegantes ralentís.
No vixésimo aniversario da estrea de Deseando amar, esta película e as cinco das precedentes (As Tears Go By, Days of Being Wild, Chungking Express, Fallen Angels e Happy Together) mais a inmediatamente posterior (2046) son restauradas en 4K; conforman así un ciclo que a súa distribuidora (Avalon) pon en circulación baixo o título de “Universo Wong Kar-wai” e que o CGAI proxecta entre xaneiro e febreiro de 2021.
Nacido en Shanghái (República Popular China) en 1949, Wong Kar-wai mudouse cos pais a Hong Kong cando era un cativo. A súa vida e o seu cine estarán marcados por esta disociación, particularmente pola retrocesión da colonia británica a China que tivo lugar en 1997, un ano emblemático na súa carreira, o ano de Happy Together, un punto de inflexión na súa traxectoria. Ata ese momento as súas películas sostíñanse nun difícil equilibrio entre o cine de xénero e o acusado romanticismo dos seus personaxes, case sempre encarnados por mozos estrelas da canción hongkonesa. As Tears Go By (1988) é unha película de gángsters en cuxo centro aniña unha historia de amor, mais desde esa ópera prima (o seu maior éxito comercial en Hong Kong) as súas películas, aínda que presentasen personaxes propios do xénero, sempre acababan engulidas polos seus rautos románticos, algo que sucede tanto en Days of Being Wild (1990) coma en Chungking Express (1994), Fallen Angels (1995) ou a citada Happy Together, rodada en Arxentina. Podémolo ver mesmo na súa primeira película de artes marciais, Ashes of Time (1994), unha película en que o cine de Michelangelo Antonioni parece convivir co de Sergio Leone e Alain Resnais (en oportuna descrición de Carlos F. Heredero), unha película que, en todo caso, xa coñeceu unha restauración e unha remontaxe en 2008 (Ashes of Time Redux) e non forma parte deste “Universo”.
Con Deseando amar Wong Kar-wai volta ao Hong dos anos sesenta que xa retratara en Days of Being Wild (e o personaxe que interpreta Maggie Cheung en ambas leva o mesmo nome, o que posibilita moitas especulacións), mais agora os personaxes xa non son mozos desesperanzados que viven e buscan as súas raíces nos ambientes máis marxinais, senón dous adultos acomodados que contemplan con estupor como as súas respectivas parellas manteñen unha relación adúltera. Os dous personaxes, principalmente o que interpreta Tony Leung, volverán aparecer en 2046 (2004), cuxa rodaxe se iniciou en paralelo á súa película anterior, catro anos antes!, concibida como unha secuela que se interna de modo inesperado na ciencia ficción. Desde entón, en dezaseis anos, Wong Kar-wai só puido completar outras dúas longametraxes, My Blueberry Nights (2007), rodada nos Estados Unidos, e The Grandmaster (2013), unha película histórica de artes marciais que é tamén a súa primera produción financiada maioritariamente pola China continental.
Agradecementos: Avalon Distribución.