Raoul Walsh (II)
Do 1 de novembro de 2007 ao 30 de novembro de 2007
En colaboración con Donostia Kultura e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Home rudo e salvaxe, autor dun trepidante libro de memorias (Each man in his time, 1974) que explica en boa parte as pulsións, motivacións, ritmos e enerxía vibrante que van marcar tamén o seu cine, Raoul Walsh (1887-1980) estende a súa longa carreira como cineasta entre 1912 e 1964, cubrindo con maxistral suficiencia todas as etapas. Antigo mariñeiro, vaqueiro, xogador, actor, novelista (La ira de los justos), fabulador, enredante e contador de historias que nunca saberemos se lle sucederon, foi un cineasta máis expeditivo e directo que boa parte dos seus coetáneos, un amante do perigo e da literatura con matices tráxicos (de Shakespeare a Víctor Hugo) envolto nunha morea de contradicións.
O itinerario vital como forxa persoal (traxedia) antes que como motivo exemplarizante; a obxectividade e a comprensión cara ás súas individualistas criaturas fílmicas; a capacidade poética; o proveito das contornas e localizacións naturais; a peculiar amálgama de beleza, sequidade, laconismo e brillo narrativo; o desfile de xéneros e diferentes transfondos polos que aplica os seus regulamentos internos e as variacións que cobren a súa rica evolución definen o seu cine. Despachado como cineasta enérxico ou intuitivo, a pesar da sagacidade da súa posta en escena, subvalorado e sempre fóra de todo galardón, Walsh vai ir fusionando a través de títulos como El ladrón de Bagdad (1924), La frágil voluntad (1928), El último refugio (1941), Murieron con las botas puestas (1942), Gentleman Jim (1942), Al rojo vivo (1949), El hidalgo de los mares (1951), Más allá de las lágrimas (1955) e a postremeira Una trompeta lejana (1964), un universo único polo que pululan progresiva (e, ás veces, simultaneamente) aventura, idealismo, principios filosóficos, metafísica, escepticismo e romanticismo. Necesitado nun principio da épica e da acción física, de conflitos ben trabados, a pulsión mortuoria e a abstracción vanse pouco a pouco impoñendo ao aventureiro irredento. Sobrio e contido, Walsh funciona non só como retratista dunha ampla América senón como un xenial alquimista capaz de superar os modelos sobre os que se elabora o seu cine (western, thriller e cine negro, piratas e aventuras,...).
A revista Nosferatu dedícalle o seu próximo número (58-59) e o longo ciclo ocuparanos ata o mes de abril de 2008.