Por unha nova mirada. O cine ante a Violencia de Xénero.
Do 1 de novembro de 2011 ao 31 de decembro de 2011
En colaboración con: Secretaría Xeral da Igualdade de Presidencia da Xunta de Galicia.
O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, unha condena e acción contra todo atentado cara a dignidade, integridade e liberdade das mulleres. Motivado por esta efeméride e en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, plantéxase un ciclo que amosa e exemplifica con respecto o dramatismo de tantas situacións de violencia que, por razóns de xénero, sofren as mulleres en todo o mundo. Ben axustado ás pautas da programación do CGAI, seleccionamos catro títulos onde a calidade estética, formal e narrativa rixe e amplifica as acuciantes cuestións temáticas. As pegadas dunha tradición, a do cine social británico máis sutil vertebran o relato Tyrannosaur (2011) de Paddy Considine. Un dos grandes da historia do cine documental, Frederick Wiseman, retratista de institucións (fundamentalmente estadounidenses), autor de títulos tan loubados como Titicut Follies (1967), High School (1968) ou La Danse (2009), aporta no díptico Domestic Violence unha perspectiva analítica e minuciosa do maltrato. A primeira parte recolle a acción policial, os grupos de terapia, as actividades educativas e os centros de prevención. A segunda céntrase no rexistro penal. Ambas transcorren en localidades de Tampa (Florida). Por último, as consecuencias da guerra en Iugoslavia, as multiples traxedias invisibles derivadas dunha guerra cruel na que, como en todas as guerras, as mulleres son vítimas invisibles, atrapan ao espectador de Grbavica (2006) de Jasmila Sbanic, proxección que, a modo de colofón, irá precedida dunha mesa redonda con intervencións de especialistas de ambos ámbitos, o cine e a violencia de xénero, en concreto a ensaísta e crítico de cine Pilar Aguilar e a responsable de CIMA Galicia Chelo Loureiro.
Agradecementos: Natalia Naman, Zipporah Films (Estados Unidos).