Pioneiras do cine: Dorothy Davenport Reid
Do 22 de abril de 2021 ao 30 de abril de 2021
Actriz, directora, produtora e guionista, a traxectoria profesional de Dorothy Davenport Reid, nacida en Boston en 1895, é precoz. Membro dunha familia dedicada ao teatro, o que condiciona os seus vínculos e os seus propios comezos como actriz, realiza a súa estrea en escena con 6 anos e con 16 xa traballa en Hollywood. O seu matrimonio co actor Wallace Reid en 1913 marca unha etapa de traballos conxuntos (ata con Reid de director) e un retiro familiar, que remata abruptamente en 1923 coa morte del, vítima dunha adicción á morfina causada por dificultades de saúde despois dun accidente.
A ambición artística de Davenport fai que se asocie temporalmente con Thomas Ince e logo forme a súa propia compañía de produción, Mrs. Wallace Reid Productions. Davenport propicia que Walter Lang, logo coñecido director de musicais para a Fox nas décadas dos 40-50, se estree na dirección con Red Kimona (1925), un filme mudo cheo de compoñentes sociais protagonizado por ela onde a prostitución (ou a escravitude branca) é o eixo, e Davenport dá o visto e prace ás escenas, unha codirección sen acreditar. A súa carreira segue con filmes cheos de reflexión e sentido moral, e con Linda (1929), primeira colaboración co produtor Willis Kent, que acentúa este breve, mais frutífero periplo na dirección marcado pola con(s)ciencia social, a modestia de produción e a afouteza nos contidos con certo enfoque sensacionalista, un cine en simultáneo popular e revulsivo. Atopa acomodo en Monogram e dirixe ata 1934. Colabora nos anos 40 e 50, sobre todo, na escritura de filmes. Davenport falece en 1977.
Agradecementos: Penteo Films.