PAISAXES DO ROMANTICISMO. EN TORNO A ROSALÍA DE CASTRO
Do 1 de maio de 2013 ao 30 de xuño de 2013
Para os actos paralelos da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, o CGAI propón un ciclo de cine en torno a diversos conceptos que poden axudarnos a entender a época e o ambiente cultural na Europa de mediados do século XIX co romanticismo como eixo vertebrador. Dado que a figura de Rosalía de Castro apenas constituíu un obxecto de atención relevante por parte do cine, o ciclo non pode centrarse directamente nin na súa biografía nin lamentablemente tampouco na súa obra. Hai agora un ano, o 25 de febreiro de 2012, o CGAI xa programou unha sesión de homenaxe a Rosalía coa recuperación de dous traballos documentais, Homenaxe a Rosalía de Castro (1939), celebración do centenario da poeta en Buenos Aires que conta cunha intervención de Blanco Amor, e Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), unha peza doméstica pertencente á familia Beiras que visita os espazos propios da vida e a obra da autora de Cantares gallegos. Ambas a dúas vanse recuperar nesta ocasión.
O ciclo céntrase consecuentemente nunha serie de títulos que, pola vía do seu argumento, da época na que están ambientados ou polo feito de se tratar de adaptacións de significativas obras literarias, ofrecen unha visión panorámica do romanticismo. As películas, case todas elas cun indiscutible protagonismo feminino, son as seguintes: Remando al viento (Gonzalo Suárez, 1988), sobre as circunstancias que rodearon a creación de Frankenstein por parte de Mary W. Shelley; Cumbres borrascosas (Andrea Arnold, 2011), a última e unha das mellores adaptacións da obra de Emily Brontë (1847); Lola Montes (Max Ophuls, 1955), o gran clásico de Ophuls sobre este personaxe histórico da Europa do século XIX; Bright Star (Jane Campion, 2009), o romance entre Fanny Brawne e John Keats nos últimos anos de vida do poeta (1821), relación que deu como froito unha apaixonada correspondencia epistolar publicada en 1878; Melancolía (Lars von Trier, 2011), unha película de ciencia ficción que liga o sentimento melancólico cun ideal romántico cuxas orixes artísticas remiten de forma inequívoca ao século XIX e El árbol de la vida (Terrence Malick, 2011), película de ambientación contemporánea que aborda temas característicos do romanticismo como o concepto do sublime na paisaxe e a influencia do filósofo do XIX Ralph Waldo Emerson.