Ouff: Camilo Restrepo e L'Abominable/ Hugo Santiago
Do 28 de outubro de 2016 ao 8 de novembro de 2016
A programación deste foco -comisariado por Andrea Franco- presenta o traballo do cineasta colombiano Camilo Restrepo (Medellín, 1975) en diálogo cunha serie de autores cos que comparte intereses de forma e de contido. Coma el mesmo, a maioría destes autores forman parte da cooperativa L'Abominable, situada nos arredores de París.
L'Abominable é un laboratorio de cineastas que traballa, nomeadamente, en celuloide, con película súper 8, 16 mm e 35 mm. Un obradoiro colectivo onde se comparten as ferramentas e o coñecemento destas, para que cada autor sexa quen de desenvolver o seu propio traballo intelectual e materialmente.
A escolla dun medio (o celuloide), case que en extinción, denota o seu interese por unha produción á marxe dos sistemas industriais de realización cinematográfica. Para Restrepo e os seus compañeiros de L'Abominable, a retirada do monopolio da industria sobre o celuloide a prol do dixital abriu as portas a unha produción autónoma por parte dos cineastas. Traballar en celuloide –filmando, revelando e montando– é para eles tomaren conciencia do traballo enteiro de xestación da imaxe.
É ademais creren nunha economía da imaxe que non se mide dende un punto de vista cuantitativo, senón cualitativo. Con poucos recursos económicos, os cineastas de L'Abominable deben concentrar os seus proxectos nunha metraxe reducida. Imaxinar a película, concibila a cegas, sen filmar horas e horas de material, é a base do traballo. Mediren a importancia dunha imaxe e a súa repercusión é, en certo modo, asumiren unha posición ética fronte aos sistemas actuais de difusión.
Nos filmes de Camilo Restrepo, as imaxes aparecen sempre como contidos que deben interpretarse e que poden revelarse como verdadeiras armas políticas. A interpretación delas –emitidas polos medios de comunicación ou producidas polos mesmos cineastas– é un traballo necesario e constante para evitar a manipulación. Unha vertente importante do traballo de Camilo Restrepo concéntrase en analizar as imaxes producidas no marco do conflito armado colombiano.
Andrea Franco e Camilo Restrepo