Olladas de muller 2021
Do 5 de marzo de 2021 ao 12 de marzo de 2021
Esta nova edición do ciclo que organiza o CGAI-Filmoteca de Galicia en colaboración co Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega co gallo do 8 de marzo céntrase na dupla liña de actuación de anos pasados. Por unha banda, a creación vencellada a Galicia. A evolución das pautas fílmicas de Margarita Ledo chega coa estrea da súa cuarta longametraxe, Nación, un relato feminino coral e laboral cunha suxestiva adición de compromiso e lirismo. Cen anos entre tres reinos amosa a vida en San Ciprián de Hermisende (Zamora), un lugar de confluencia onde se xuntan Galicia, Portugal e Castela e León. A coprodución A media voz, participada por Matriuska, establece unha singular correspondencia filmada entre dúas directoras (Patricia Pérez e Heidi Hassan) de orixe cubana migradas a Suíza e Galicia.
Por outro lado, móstranse unha serie de destacados traballos procedentes de Xeorxia, Portugal e Francia. A laureada Beginning de Dea Kulumbegashvili, a única ficción das tres, é a historia dun conflito íntimo nunha comunidade singular. Os documentais A metamorfose dos pássaros de Catarina Vasconcelos, exploración na memoria e as raíces familiares a modo de saga, e Una niña (Petite Fille) de Sêbastien Lifshitz, ou a proteica historia de Sasha, que cuestiona desde cativiña o seu xénero, completan a escolma do ciclo.
Agradecementos: Margarita Ledo Andión, Patricia Pérez, Heidi Hassan.