Novo Cine Coreano (III)
Do 1 de xuño de 2007 ao 30 de xuño de 2007
En colaboración con Donostia Kultura e IVAC-La Filmoteca de Valencia.
Un repaso ao cine coreano contemporáneo cunha ampla retrospectiva que se prolongará ata o mes de xullo.
“Un dos acontecementos máis significativos no universo cinematográfico actual é a repentina e asombrosa puxanza que o cine producido en Corea do Sur está a ter entre os espectadores de todo o mundo. De ser unha cinematografía practicamente descoñecida fóra das súas fronteiras, nuns poucos anos converteuse en presenza indiscutible en festivais internacionais. O novo cine coreano non é, non obstante, fácil de catalogar e etiquetar. É unha realidade complexa e multicultural onde conviven arriscadas obras de autor con caros blockbusters que rebentan as recadacións. As reflexións políticas, as análises da nova sociedade coreana e os traumas nacionais son moitas veces o fondo de todo tipo de películas onde tampouco está ausente a pericia técnica, o compromiso intelectual, a procura de novas solucións narrativas e visuais ou o concepto dun verdadeiro cine de entretemento.
O presente ciclo propón unha panorámica por algunhas das máis suxestivas achegas da última xeración de cine producido en Corea do Sur. Desde as primeiras películas de cineastas xa recoñecidos en todo o mundo como Bong Joon-ho, Lee Chang-dong, Hong Sang-soo, Kim Ki-duk ou Park Chan-wook ata obras de novísimos realizadores como Lee Yoon-ki ou cintas tan arriscadas como o thriller político “The President´s Last Bang” (2005). As propostas son variadas e cobren espectros moi diferentes: a crónica social e o retrato da Corea do Sur contemporánea, ben sexa desde o relato tremendista ou desde a indagación psicolóxica; a relectura de xéneros clásicos como o film noir en “A Bittersweet Life” (2005); a recreación histórica en ambiciosas producións como “The King and the Clown” (2005) e “Untold Scandal” (2003); ou a mirada documental como maneira de indagar na recente e traumática historia de Corea que achega “Repatriation” (2003). Todas elas probas palpables dunha das cinematografías máis dinámicas e interesantes do panorama actual”. Roberto Cueto.
Agradecementos: Avi Mograbi, Les Films du Losange (Francia), Lise Zipci, Emilie Lacourt, Les Films D´Ici (Francia), Catherine Roux, Roberto Cueto, CJ Entertainment, Korean Fim Council (KOFIC), MK Pictures (Corea).