Novísimos cineastas italianos
Do 1 de abril de 2010 ao 30 de abril de 2010
En colaboración con Centro di Studi sul Cinema Italiano (CSCI), Cinecittà Luce, Istituto Italiano di Cultura di Barcellona, Istituto Italiano di Cultura di Madrid, Cinemateca UGT-Sevilla, Filmoteca de Albacete, Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Cantabria e Obra Social “Sa Nostra”-Caixa de les Illes Balears.
Ciclo sobre primeiras obras de directores italianos hoxe consagrados comisariado pola docente e historiadora Daniela Aronica. Conta co patrocinio da Embaixada de Italia en Madrid.
“O cine italiano continúa a ter a sorte de cara. A cota de pantalla da produción nacional situouse por enriba do 20,3% (2004), cun pico do 31,7% en 2007. Confírmase o reencontro do gran público cunha certa comedia (non vulgar e banal) “de aires italianos”, da que se estrearon títulos francamente bos e cheos de novos e vellos talentos, como La prima cosa bella de Paolo Virzì cunha extraordinaria Stefania Sandrelli. Pola súa parte, os veteranos Monicelli, Scola, Lizzani seguen a facer cine. Olmi e Bellocchio atravesan unha nova primavera creativa. Moretti, Tornatore, Salvatores, Soldini, Piccioni, Amelio e Giordana rodaron, nestes anos, algunhas das sáus obras máis intensas. E con eles avanza o pelotón dos novos realizadores con forte personalidade e discurso propio, encabezado por Paolo Sorrentino, Matteo Garrone, Emanuele Crialese e Vincenzo Marra. As mulleres directoras xa non son excepción (recordemos a Antonietta De Lillo, Cristina e Francesca Comencini, Roberta Torre, Francesca Archibugi, Alina Marazzi, Laura Muscardin e Costanza Quatriglio). Incluso algúns magníficos actores como Kim Rossi Stuart, Michele Placido e Sergio Castellitto se atreven a coller a cámara. E fanno de maneira convincente. Aínda así quedan sen resolver os problemas de distribución e exhibición. O investimento en promoción é absolutamente escaso. A lexislación inadecuada. Ante a imposibilidade de competir coa maquinaria industrial e publicitaria do coloso cinematográfico estadounidense, cabe procurar formas e canles alternativas para que o cine de autor teña a visibilidade que merece.
Desde o Centro di Studi sul Cinema Italiano, poñemos o noso gran de area. Facémolo grazas a un circuíto privilexiado de filmotecas e centros culturais, cuxo apoio a un cine de calidade queremos agradecer.
Seleccionamos este ano oito operas primas, estreadas a partir de 2000 e inéditas en España, de directores que se converteron en autores punteiros do renacido cine italiano contemporáneo (Sorrentino, Vincenzo Marra, Daniele Vicari). Completan o programa dous documentais. Queremos abrir unha xanela sobre unha produción que, á hora de exhibirse, ten dificultades maiores que as que viñemos describindo. Pero é xustamente no chamado cine do real onde se aprecian algunhas das máis destacadas novidades no terreo da construción da mirada cinematográfica contemporánea, que moito cine mainstream xa é incapaz de inventar. Tan convencidos estamos disto que lle dedicamos ao documental contemporáneo un número monográfico da revista anual de cine italiano «Quaderni del CSCI» (2008/4).
Estamos ante unha nova xeración de cineastas que deixaron de mirarse o embigo para confrontarse coa realidade e poñer, se cabe, o dedo na chaga. Daniele Gaglianone, Francesco Munzi, Salvatore Mereu, Francesco Patierno, Luca Vullo tamén pertencen a este novo batallón de realizadores que non ten medo á hora de retratar o lado escuro do Bel Paese. Coas súas películas destapan unha realidade fragmentada, “periférica”, cando non marxinal, en crise. E son capaces de mirarse ao espello sen disimulos. Lonxe de todo estereotipo. Sincera e descarnadamente.
Inutilmente o espectador buscará nestas obras os lugares da Italia mítica dos anos da dolce vita. As películas deste ciclo, no seu conxunto, representan a complexa realidade italiana actual e, á vez, as inquietudes que nos preocupan como individuos. A través delas, intentamos debuxar unha paisaxe que oxalá poida dialogar, na distancia, coa das cidades nas que se exhibirán”.
Daniela Aronica, directora do Centro di Studi sul Cinema Italiano.
Agradecementos: Daniela Aronica, Simone Saibene, Adriana Chiesa Enterprises, Buskin, Classic srl, Fandango, Intramovies, Mir Cinematografica, Ondemotive, Pablo Film, Rai Trade.