MUTACI(o)NES
Do 5 de outubro de 2005 ao 31 de outubro de 2005
Desde hai uns anos o cine está a cambiar. O cine e a cinefilia, e con eles o discurso crítico. Novos cineastas, en moitos casos procedentes de países afastados dos centros tradicionais da produción cinematográfica, e novas estéticas. Tamén, un novo xeito de achegarse ao cine, de difundilo, grazas á xeneralización do “tráfico” de DVDs, Internet, e-mule, etc., etc. E unha crítica nova que rompe cos inamovibles canons e posicionamentos da vella cinefilia. Fronte ao discurso de hai uns quince ou vinte anos, “o cine morreu”, hoxe temos claro que, lonxe desta aseveración, o cine non morreu, senón que está moi vivo, só que pode que estea noutra parte: en Asia, en Latinoamérica, nos países do leste europeo… O fenómeno tivo un primeiro reflexo no libro “Movie Mutations”, recompilado por Jonathan Rosenbaum e Adrián Martín en 2003 (publicado polo British Film Institute e de próxima tradución pola Editorial Paidós).
O cine muta, e estas mutacións serán as protagonistas desta sección ou ciclo que no seu epígrafe, “MUTACI(o)NES” (título suxerido por Antonio Weinrichter), homenaxea as orixinais “Movie Mutations” e que irá programando con carácter mensual algunhas das películas e dos cineastas que constitúen a avanzada deste “movemento” (con independencia de que o resto da programación do CGAI non permanecerá alléa a el). Cada unha das sesións estará presentada por un crítico; críticos moi novos nalgúns casos, noutros vellos coñecidos do CGAI, auténticos “conversos” a este novo xeito de ver o cine.
A segunda sesión de MUTACI(o)NES será presentada por José Manuel López, que edita desde Vigo a revista on line Tren de Sombras e colabora en Miradas de Cine.
Agradecementos: Joseph Lluis Fecé, Antonio Weinrichter, Editorial Paidós, José Manuel López.
![GERRY GERRY](https://filmotecadegalicia.xunta.gal/sites/w_pcgai/files/styles/large/public/programacion_367.jpg?itok=ljHbFCBg)