
Juan Orol ou o surrealismo involuntario
Do 4 de novembro de 2002 ao 14 de novembro de 2002
Gracias ó seu traballo como publicista radiofónico, Orol estivo a piques de debutar no incipiente cine sonoro mexicano como galán de El express nocturno, un dos moitos proxectos que se intentaron filmar durante aquela época na que facer unha cinta se podía considerar un acto heroico, toda vez que as pantallas de México estaban (como volveron estar nos anos recentes) invadidas por unha abafante cantidade de produtos hollywoodenses. Molesto porque non se lle deu o papel prometido, Orol pediulle ó escritor Quirico Michelena que lle conseguise un argumento cinematográfico co obxecto de producilo de forma inmediata. Con ese propósito, o emigrado de orixe galega vendeu un terreo, botou man dos aforros obtidos na venda de publicidade e asociouse con dous capitalistas (Guillermo Tardiff e Gabriel Flores).
O resultado de todo iso foi a creación dunha empresa (Aspa Films) que a partir do 25 de xullo de 1933 iniciou a produción (…) O triunfo comercial de Madre querida permitiríalle a Aspa Films intensificar os seus ritmos de produción; entre 1936 e 1937 a empresa financiou catro películas, todas elas dirixidas por Orol: El calvario de una esposa, Honrarás a tus padres, El derecho y el deber e Eterna mártir. A excepción da segunda película, o seu título evoca unha sentencia bíblica, as demais foron protagonizadas por Consuelo Moreno, quen deixou a un lado o papel de muller fatal para se converter no emblema de esposa e nai angustiada por todo tipo de adversidades. (...)
O caso de Pasiones tormentosas motivaría os seguintes comentarios, por suposto laudatorios a máis de irónicos, publicados por Carlos González Correa no diario Novedades do 14 de marzo de 1976: «Sempre crin que Juan Orol é un dos poucos directores-autores que hai no cine mexicano, que ademais de ser iso, director-autor, posúe un estilo que poderiamos chamar camp, ou como queiras, pero é persoal, inconfundible, e é tamén estilo-cepa. Tan persoal é Don Juan Orol, que ti poderías empezar a ver un filme que non coñeceses, nin soubeses que é del, e ós dez minutos dirías: isto é de Orol. E moi poucos directores no cine lograron isto. Pasiones tormentosas, de 1945, é unha mestura heteroxénea e sen embargo congruente (dentro do universo oroliano, se me deixan vostedes usar unha expresión moi intelectual), de revista tropical, pintura sexi sen chegar ó porno, melodrama tropical e, ¡agárrense por Deus!, catecismo [do Cura] Ripalda. A referencia relixiosa, dentro da máis pura procedencia, corre nesta Pasiones tormentosas a cargo do cura da vila que, entre outros moitos parlamentos dignos do estudio de [Marshall] MacLuhan, lle di a Crox Alvarado agonizante: 'a misericordia do Señor alcanza ata os mortos'. Díxollo para tranquilizalo. Pero un filme de Orol é aínda máis, moito máis ca todo. Orol visionario: Pasiones tormentosas é de hai 31 anos, pero sae un negro cortando cana e cantando: «un día chegará en que o escravo á súa África linda volverá». ¿Como puido Orol adiviñar daquela a expedición cubana a Angola?». (...)
A etapa asociada ó nome de Rosa Carmina sería sen dúbida a máis fecunda na carreira do cineasta, toda vez que se desenvolveu nun contexto favorable á producción de películas que, debido á crise industrial do período de posguerra, requirían de pouco investimento ó tempo que estaban destinadas para o consumo estrictamente popular. Integrada por [entre outras] Gángsters contra charros (1947), Sandra, la mujer de fuego (1952), Bajo la influencia del miedo ou Gangsterismo en el deporte (1954), esta etapa é pródiga en exemplos dese cine imitativo que, pese a todo, vai desenvolvendo, coma no insólito caso de Ed Wood (maxistralmente presentado na cinta homónima de Tim Burton), un estilo propio, persoal. (...) A Orol situárono sempre como o maior facedor de churros en México. (...) Xulgar a Juan Orol nun nivel estético é, dito en forma sumaria, unha perda lamentable de tempo. Desde o principio, Orol concretouse, rexeitada a perspectiva do cine como arte, a reproducir a vixencia do cine como 'historieta', do cine-cómic. E gracias á súa inocencia devastadora, á súa confiada entrega á vulgaridade, Orol converteuse no primeiro autor de cine en México, no único realizador que mantivo un estilo, unha maneira de ver ou de non ver ou de non facer caso á realidade. Nas barriadas, na provincia, a xente acode a ver unha cinta de Orol, na mesma forma (aínda que cun entusiasmo obviamente menor) con que frecuenta os filmes de Pedro Infante ou de Cantinflas. (...)
Mentres a crise da industria fílmica mexicana se ía convertendo nun problema estructural, Juan Orol iniciou outra fase da súa carreira, a mesma que estaría asociada á súa nova musa: a cubana Mary Esquivel, quen se facía chamar «A poetisa do Caribe». (...) melodramas non exentos de escenas antolóxicas do que nesa época se comezou a chamar o «surrealismo involuntario» de Orol, quen seguiría apostando por obras sinxelas e populares (...) As penurias da producción tamén se traduciron en momentos máis patéticos ca cómicos; tal podería ser o caso de La Tórtola del Ajusco, na que o cineasta pretendeu emular películas como El último cuplé ou La Bandida e Café Colón, estas últimas protagonizadas pola diva mexicana María Félix. Nun momento dado, Fémina, a protagonista encarnada na figura de Mary Esquivel, recibe do seu namorado aviador europeo (Carlos Baena) o regalo dun avión invisible porque este chega metido en varias caixas que, suponse, conteñen as pezas que a afagada muller terá que armar. (...)
Arturo Garmendia, (...) a propósito de Pasiones infernales (que situaba a súa trama nada menos que na illa de Samoa, escenario dunha das obras mestras do documentalista Robert Flaherthy), escribiu reflexións coma as seguintes: (...) «Á espontaneidade con que se presenta o sexo, coma un factor indispensable e en parte patolóxico, enfróntase (aínda que non se opón) un alegato moralizante no que se trata a discriminación racial coma un mero pretexto da trama, coma un xogo de rapaces no que dous grupos se enfadan por moito tempo e se odian, aínda que do lado dos perdedores (os negros), pódese aceptar un membro dos que triunfan (os brancos) con orgullo, coa satisfacción do que logra diminuír en algo a súa derrota. O sexo é visto coma algo violento, unha forza da natureza desatada, senón non é a natureza mesma, e Orol cre nisto ata o punto de que lle narra a súa historia a unha parella que acaba de casar a maneira de exemplo. Esta concepción estritamente primitiva da vida necesita fundamentarse nunha idea máxica, porque a maxia é un factor de unión entre os opostos; só a través dela funciona a idea de que é posible lograr a purificación e asegurarse unha nova e sa vida sexual mediante o rito erótico consistente en bailar ás portas do averno. Toda esa maxia do contido reflíctese da mesma maneira, maxicamente, na gran poesía que ten a súa forma. Unha lírica persoal que está feita da contemplación ensimesmada da natureza, a ruptura da lóxica cotiá, a observación non-naturalista das paixóns humanas e a fatalidade que se abate sobre todos os seus personaxes».
Extractos de Juan Orol. Un galego no cinema mexicano, por Eduardo de la Vega (ed. Xunta de Galicia, 2002), para acompañar o ciclo ‘Juan Orol ou o surrealismo involuntario’, proxectado ese mesmo ano no Festival Internacional de Cine de Ourense e no Centro Galego de Artes da Imaxe.

Honrarás a tus padres

El derecho y el deber

Gángsters contra charros

Pasiones tormentosas

La Tórtola del Ajusco

Pasiones infernales / La hija del sol

Sandra, la mujer de fuego
