José Luis Guerín
Do 22 de abril de 1992 ao 30 de abril de 1992
Los motivos de Berta sorprendeu a propios e extranos alá polo ano 1984 ou 85. A indefinición desta data é un reflexo da estrea pantasma da primera longametraxe industrial do xovencísimo -23 anos no momento de rodaxe da película- cineasta catalán Jose Luís Guerín. Poucos espectadores poideron ser testemuñas da extraordinaria inventiva dun director que se atrevía a mentar a Bresson, Dovjenko ou Dreyer sen por elo resultar pedante nin caer no ridículo. Xusto ó contrario, Los motivos de Berta confirmou a existencia dun cineasta español que non buscaba inspiración nin nos clásicos, nin sequera se autoproclamaba herdeiro da "nouvelle-vague", senón que, lonxe de calquera actitude dogmática ou gratuíta, indentificábase, na súa busca da pureza, cos pioneiros.
De tódolos xeitos, José Luís Guerín levaba facendo cine desde moitos anos atrás - en concreto, desde 1975, data da súa primeira obra, La agonía de Agustín. Cine en S/8, por suposto. Películas que respostan a títulos como Elogio a las musas, La dramática pubertad de Alicia, Diario de Marga, Retrato de Vicky,... e en moitas das cales colaboraría outro xenio precoz, Manuel Huerga. Títulos todos eles non exentos de certa presunción -como hoxe recoñece o propio Guerín- pero que xa anticipan a fixación do seu autor pola adolescencia.
Cando en 1983 Guerín pode rodar por fin a sua primeira longametraxe "oficial", teno que facer cun presuposto mínimo e utilizando negativo de color para unha película que el pretende que sexa en branco e negro. Así mesmo, a montaxe orixinal de tres horas será reducida polo seu autor nunha hora co fin de se acomodar ós desexos dunha distribuidora que, posteriormente, apenas poñerá en circulación a película.
Só o éxito nunha serie de festivais, máis unha entusiasta resposta da crítica permitiron que Los motivos de Berta non pasara desapercibida. Aínda así, haberían de pasar cinco anos para que voltásemos ter novas de Guerín. É o Festival de Rotterdam o que apadriña o proxecto City life, un filme colectivo asinado por catorce directores de distintos países entre eles Kieslowki-no que Guerín participa con Eulalia-Marta. Abril 1988, filme que aínda espera estrea no noso país.
Así chegamos a Innisfree, o filme que consagrou e deu a coñocer dun xeito xeralizado a José Luís Guerín. Rodada entre os meses de setembro e outubro de 1988 na rexión irlandesa onde en 1952 Jonh Ford localizou a súa obra mestra The Quiet Man, Innisfree foi concebida polo seu director non tanto como unha evocación nostálica do clasicismo cinematográfico, senón máis ben como un intento de recuperación do documental, entendido éste á maneira dun Robert Flaherty ou un Joris Ivens.
Novamente Guerín propónnos un filme totalmente atípico, unha reflexión sobre unhas terras e unhas xentes que viron como as súas vidas experimentaron un gran cambio o día que John Ford, o fillo dos O'Feeney, dicidiu rodar unha película protagonizada por John Wayne e por Maureen O'Hara no pobo dos seus pais.
O Ciclo adicado á obra de José Luís Guerín programará as súas dúas longametraxes, así como Au hasard Balthazar, unha perfecta introducción á obra de Robert Bresson, cuia influencia é extraordinariamente patente en Los motivos de Berta, e, por suposto, The Quiet Man, o complemento ideal a Innisfree. Esta última película, que se proxectará no Rosalia de Castro, será presentada na sesión das 10:30 polo propio director, quen, ó día seguinte, manterá un coloquio aberto co público na sala de proxeccións do CGAl, ás oito e cuarto da tarde.
Paralelamente, e ó longo de toda a semana, José Luís Guerín manterá na Escola de Imaxe e Son un encontro en profundidade cos seus alumnos.