JIRÍ TRNKA
Do 1 de marzo de 2013 ao 30 de abril de 2013
En colaboración co Centro Checo de Madrid.
No centenario do nacemento do cineasta de animación Jirí Trnka (1912-1969), o Národní Filmový Archiv propón catro programas sobre a súa obra. Escenógrafo e director de películas de animación checo, é coñecido pola súa extensa carreira como ilustrador, especialmente de libros infantís e, sobre todo, polo seu traballo na animación con monicreques. Ao longo da súa traxectoria dirixiu 22 películas, entre elas 6 longametraxes, que consagrarían o que logo pasou a se denominar “estilo checo” de animación, exercendo unha notable (e innegable) influencia sobre outros cineastas. As súas pezas recibiron máis de 50 premios internacionais, galardóns en festivais como Cannes, Venecia, Locarno, Londres, Edimburgo, Montevideo, Bucarest, París, Oberhausen e Karlovy Vary. A maioría das súas películas estaban dirixidas ao público adulto, moitas delas adaptacións de obras literarias de autores checos ou estranxeiros. Por mor da súa singular relevancia dentro da historia do cine de animación, por unha obra caracterizada polo despregamento do sentido do humor, a orixinalidade e o deseño evocador dos monicreques, o decorado fastoso e mais a riqueza dos accesorios, foi chamado “o Walt Disney da Europa do Leste”. Nos guións, tamén da súa autoría, utiliza decote obras de autores checos, así como de autores clásicos da literatura universal: Chéjov, Boccaccio ou Shakespeare. Nas películas de animación de Trnka a música ten un papel importante. En todas as súas longametraxes e en varias das súas curtas, o compositor foi Václav Trojan (1905-1983).
Agradecementos: IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca de Zaragoza.