James Benning: 13 films (I)
Do 1 de febreiro de 2009 ao 28 de febreiro de 2009
En colaboración con Punto de Vista. Festival Internacional de Cine Documental de Navarra e a Fundación Luis Seoane.
O ciclo máis grande realizado sobre James Benning en España ata o momento, unha retrospectiva con trece títulos que intenta cubrir as súas diferentes etapas creativas, a través de proxeccións en dúas sedes: CGAI (consultar ciclo máis abaixo), Fundación Luis Seoane ( El Valley Centro, Venres 20 as 20.30 h. e Los, Venres 27 as 20.30 h.).
O propio Benning intervirá nun diálogo co cineasta galego Alberte Pagán, o martes 17 ás 20.30 h. no CGAI
James Benning é un cineasta norteamericano (Milwaukee, Wisconsin) nado en 1942. A súa obra iníciase a comezos dos anos setenta, independente e próxima ao estruturalismo. Benning filma paisaxes e escenarios urbanos dos Estados Unidos que, na súa primeira etapa, se acompañan dunha banda sonora con comentarios propios ou fragmentos de textos alleos asimilables ao filme-ensaio. A partir de 1998 o seu traballo co son sofre un xiro, limitándose a acompañar os seus planos paisaxísticos con ambientes sonoros, sincrónicos ou non. Utopia (1998) é a súa última película cun texto en off. Con El Valley Centro (1999) inicia a chamada “California Trilogy”, completada por Los (2000) e Sogobi (2001), películas compostas por 35 planos cunha duración fixa de dous minutos e medio cada un, planos de distintos escenarios de California. Non hai comentarios ou relato propiamente dito, si un discurso subterráneo sobre a política da auga no estado que enlaza distintos lugares. Benning foi profesor de matemáticas antes que cineasta ou docente de cine, o que podería explicar a súa querenza por este tipo de estruturas prefixadas que nas películas posteriores, 13 LAKES (2004) e TEN SKIES (2004), se concreta en planos de duración exacta. Estes títulos funcionan como sinopse “argumental” das propias películas. Agora non hai relato ou discurso subterráneo de ningún tipo, fóra da sucesión de motivos da tradición pictórica paisaxística acompañados de sons ambientais. O cine de Benning non se singulariza polos seus temas, senón pola especial relación entre paisaxe e tempo, esixindo do espectador un posicionamento activo para percibir este desenvolvemento temporal: a única forma na que un pode entender a paisaxe é a través do tempo. A paisaxe é realmente unha función do tempo. E son paisaxes no tempo o que Benning segue filmando en RR (2007) e casting a glance (2007), as súas últimas películas.
Estes filmes son menos documentais experimentais sobre a xeografía e a historia de lugares determinados que experiencias cinemáticas sobre estar “en” determinados lugares durante unha prolongada duración cinemática. Benning expresa a esperanza de que, pola duración dos planos, o público chegue a ser consciente dun tipo distinto de historia: as series de aventuras persoais que emanan do que ven. Estas “pequenas historias” en etapas anteriores da súa filmografía non eran tan abstractas, xa que había pequenos gags ou xogos cómplices co espectador.
Tal vez busca tamén un tipo de espectador acostumado a outra contemplación, o walk in, walk out, termo que, como lembra Antonio Weinrichter, “designa aquelas obras audiovisuais de exposición que non se fixeron para velas sentados senón de forma pasaxeira e ambulante”. Benning realizou ao longo de toda a súa carreira distintas contribucións a iso que se deu en chamar screen art. Estas películas esixen un espectador cinematográfico. Están filmadas en 16mm. e o seu autor non autoriza a súa proxección noutro paso de proxector ou soporte. Pódense ver en museos ou grandes mostras de arte, pero afirman a súa esencia cinematográfica, obrigando ao espectador a compartir experiencia visual e temporal.
Agradecementos: James Benning.