Homenaxe AEHC: Juan Mariné
Do 1 de marzo de 2007 ao 31 de marzo de 2007
En colaboración coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC).
A primeira colaboración de 2007 coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) é unha homenaxe a un dos máis importantes directores de fotografía do cinema nacional: Juan Mariné (Barcelona, 1920), que comeza a traballar en 1936 e recibe a medalla da Asociación no ano 2004. A súa homenaxe consistirá na proxección de películas vinculadas a obras relevantes da súa filmografía, presentadas por el mesmo. A sesión principal será o sábado 24. Previamente á proxección de La gata (1955) Mariné departirá sobre a súa obra, acompañado das intervencións das historiadoras e socias da AEHC Isabel Sempere e Alejandra Juno González, así como do presidente da Asociación Julio Pérez Perucha.
“Mariné, Juan (Joan Mariné Bruguera, Barcelona, 1920). Director de fotografía. Achégase ao cine por vez primeira en 1936 como axudante de cámara do operador suízo Adrien Porchet. Ao estalar a Guerra Civil traballa en Laya Films, produtora de noticiarios e documentais para a Generalitat de Catalunya, e, tras o final da contenda, incorpórase como segundo operador –primeiro en Barcelona e logo en Madrid– á precaria industria cinematográfica da posguerra. Os operadores Alfredo Fraile e Manuel Berenguer serán os que, acolléndoo nos seus equipos, contribuirán á súa formación profesional. Intervén por vez primeira como director de fotografía nun dos episodios de Cuatro mujeres (A. del Amo, 1947) e seguidamente, xa con total responsabilidade, en La sombra iluminada (C. Serrano de Osma, 1948). A obra de Mariné caracterízase pola súa versatilidade e por unha postura incondicional de servizo que supedita o traballo persoal á harmonía do conxunto. Sempre achega, ademais, unha capacidade infrecuente para resolver os problemas de rodaxe con solucións prácticas imprevisibles. A súa seguridade e rapidez no traballo e a flexibilidade para adaptarse aos máis esixentes condicionamentos convertérono en colaborador indispensable de directores como Antonio del Amo (para o que vai iluminar 13 películas), José Mª Forqué (10), Manuel Mur Oti (4), Pedro Lazaga (26) ou Pedro Masó, con quen colaborou nun total de trinta e seis títulos producidos por este. Entre as noventa e dúas películas que iluminou cóntanse algúns dos títulos máis comerciais do noso cine, aínda que o nome de Mariné non queda asociado a películas de grande prestixio artístico, o que non impediu que nos medios profesionais se recoñecese sempre a alta calidade do seu traballo. Conseguiu convincentes efectos do amencer, utilizando luz rebotada en El santuario no se rinde (A. Ruiz-Castillo, 1949), anticipouse ao emprego da cámara en man en Día tras día (A. del Amo, 1951) e vai ser o primeiro que utilice en España o Eastmancolor e o Cinemascope en La gata (M. Aleixandre e R. Torrecilla, 1955). Sabendo sacar partido coma ninguén ás luces mínimas, a súa colaboración durante a última etapa con Juan Piquer, cultivador de xéneros como o terror e a ciencia-ficción, permitiulle tamén introducirse no mundo dos efectos especiais, no que se converteu nun consumado especialista. Na procura de respostas a problemas ignorados polos macromecanismos da industria cinematográfica, dedicouse tamén á investigación, efectiva e persistente sobre todo a partir de que, a mediados dos anos setenta, obtén o Premio de Investigación Juan de la Cierva. Isto permitiulle afondar en experimentos que van frutificar en achádegos sobre novos sistemas de rodaxe e de lentes anamórficas. A partir de 1982 vai desenvolver no seo da Filmoteca Española unha meritoria tarefa de conservación e restauración, ideando orixinais procedementos que dan excelentes resultados en restauracións tan importantes para o patrimonio cinematográfico nacional como La aldea maldita (F. Rey, 1930) e La verbena de la paloma (B. Perojo, 1935). Como recoñecemento á súa fecunda carreira profesional, en 1989 vai recibir a Medalla de Ouro das Belas Artes; en 1994 o Premio Nacional de Cinematografía e en 1996 a Medalla de Ouro da Academia”.
Florentino Soria (Diccionario del Cine Español, Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España / Alianza Editorial, Madrid, 1998).
Agradecementos: Juan Mariné, Isabel Sempere, Alejandra Juno Rodríguez, Filmoteca Española, Filmoteca de Catalunya, Vídeo Mercury S.A.